Os ‘Encontros de Xoves de Lúa Chea’ tratan no Campus Terra este xoves os riscos derivados das pragas e patóxenos exóticos
A cafetería da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC acollerá este xoves 16 de marzo, a partir das 20.00 horas, unha nova sesión do ciclo Encontros de Xoves de Lúa Chea que se desenvolverá baixo o título ‘Pragas e patóxenos exóticos: un risco crecente?’.
Nesta ocasión, intervirán como relatores os profesores da EPS Cristina Cabaleiro Sobrino, da área de Produción Vexetal da USC, e Xan Neira Seijo, do Departamento de Enxeñaría Agroforestal. Antes de dar paso ás intervencións abertas, o profesor da área de Produción Vexetal Benigno Ruiz Nogueiras actuará como moderador do acto.
A introdución nun ecosistema de plantas ou animais alleos é un fenómeno que se vén producindo desde hai miles de anos. Porén, unha visión máis produtivista da natureza e o aumento dos movementos de produtos e persoas dunhas partes a outras do mundo provocaron que este fenómeno se estea a intensificar nos últimos anos. Así, canda especies que xa estamos afeitos a ver, como a mimosa, a perca ou a cata arxentina, escoitamos cada vez con máis frecuencia noticias de que novos visitantes pretenden instalarse entre nós: os mapaches, a cortadeira, a avespa velutina, o xacinto de auga, os sapoconchos americanos ou a couza guatemalteca que acadou fama mediática nestas últimas semanas.