‘Na encrucillada’ organiza en Lugo un debate informativo sobre os recortes de gasto público no ámbito universitario
A iniciativa ‘Na Encrucillada. Universidade en debate’, unha plataforma creada por diferentes colectivos de profesores, alumnos, investigadores e persoal de servizos da USC no Campus de Lugo para analizar e debater a actual situación económica nas súas distintas vertentes, organiza para o xoves 3 de maio un debate informativo sobre os recortes orzamentarios na universidade. O encontro terá lugar ás 18.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria, explicaranse e analizaranse as medidas derivadas da aplicación do Decreto 14/2011 de medidas urxentes de racionalización do gasto público, en canto á súa repercusión no ámbito educativo, e máis concretamente no ensino universitario. Participan no debate Alba Nogueira López, profesora titular de Dereito Administrativo e delegada sindical da CIG, e Benjamin Rey Sanjurjo, profesor de Enxeñaría Agroforestal e delegado sindical de UXT. O encargado de moderalo será Marcelino Maneiro, profesor titular de Química Inorgánica e membro da plataforma ‘Na encrucillada’. Segundo os responsables da iniciativa, “a posta en marcha destas medidas suporá un aumento das taxas universitarias na primeira matrícula e nas sucesivas, así como a diminución da autonomía universitaria, tanto para a organización do traballo como para a elaboración dos orzamentos da institución”.