Ir o contido principal

Enerwater, Premio Galicia Enerxía ao mellor proxecto de eficiencia enerxética

Enerwater, Premio  Galicia  Enerxía  ao mellor proxecto de eficiencia enerxética
Enerwater, Premio Galicia Enerxía ao mellor proxecto de eficiencia enerxética

O proxecto Enerwater que coordina a USC vén de gañar o Premio Galicia Enerxía 2017 ao mellor proxecto de eficiencia enerxética que convoca o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG ) en colaboración coa Asociación homónima.

Enerwater, primeira acción do programa Horizonte 2020 que coordina a USC, é o acrónimo do proxecto ‘Método estándar e unha ferramenta en liña para a avaliación e mellora da eficiencia enerxética das plantas de tratamento de augas residuais’ posto en marcha en 2015. A profesora Almudena Hospido, integrante do grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC, coordina o proxecto que, co remate previsto para este ano, involucra nove socios, entre universidades e empresas, de Alemaña, Italia, Reino Unido e España.

As plantas de tratamento de augas residuais representan máis do 1% do consumo de electricidade en Europa, unha das maiores porcentaxes de uso de enerxía entre as industrias públicas. Estas cifras sinalan o punto de partida de Enerwater, que busca definir ferramentas de medición que cuantifiquen o consumo enerxético destas plantas e elaborar normas para comparar e, finalmente, optimizar o seu funcionamento.

Dada a antigüidade de boa parte dos centros europeos dedicados ao tratamento de augas residuais, os integrantes do proxecto prevén unha importante redución do consumo enerxético. Neste senso, as iniciativas a desenvolver entroncan coa actividade que desenvolve o grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC en cuestións como a cuantificación e a redución das emisións directas e indirectas de gases de efectos invernadoiro en diversos sectores industriais.

O xurado dos premios estivo composto polo decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento Díez; o secretario, Julio García Cordonié; o delegado de ICOIIG en A Coruña, Francisco Bello Morano; e o delegado en Santiago, Fernando Blanco Silva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2018.