Enric Trillas e Jean-Michel Uhaldeborde incorpóranse a claustro de honra da USC
A Universidade de Santiago investiu este venres 17 como doutores honoris causa aos catedráticos de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Enric Trillas e de Economía Jean-Michel Uhaldeborde. O acto presidiuno no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o reitor Juan Viaño, quen destacou como valores compartidos polos dous novos doutores de honra “o seu impresionante talento para a xeración do coñecemento, a súa gran preocupación pola transmisión do aprendido, o seu grande esforzo e dedicación ás ciencias e a súa admiración polo ser humano”. Como engadiu no seu discurso o reitor, “estamos antes dúas persoas capaces de aplicar solucións transcendentes a problemas moi importantes que temos as sociedades do século XXI”.
O prestixio gáñase día a día co traballo excelente “non hai traballo excelente se non contamos con sabios capaces de crear e compartir coñecemento” afirmou Viaño, para aseverar que “ esta universidade mellora o seu prestixio co nomeamento que acabamos de realizar”.
Trillas
O matemático Enric Trillas, investigador emérito do European Centre for Soft Computing, é proposto polo Departamento de Electrónica e Computación “pola súa indubidable valía científica e docente e a súa constante dispoñibilidade a colaborar coa USC en todas cantas iniciativas se lle teñen proposto”. No acto interveu como padriño o catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC Senén Barro Ameneiro quen lembrou que o novo honoris causa da USC está considerado “o pai da lóxica borrosa no noso país, un país que é, e en boa medida grazas ao seu maxisterio, unha potencia mundial neste campo científico-tecnolóxico, moi por encima da xa brillante posición que nos corresponde polo conxunto da produción científica española”.
Como engadiu o padriño, Trillas “como Albert Einstein cre que a investigación non xorde dun programa, senón do corazón e ve con preocupación a muda do profesor ou investigador sabio en alguén que xestiona proxectos e contratos”. Dende unha “moi sólida formación matemática” Trilla estendeu a súa inquietude e capacidade ao terreo da computación e a intelixencia artificial en particular. “Un terreo no que a matemática expándese, que non se dilúe”, engadiu o profesor Barro. “As súas brillantes achegas neste ámbito cada vez máis fértil da enxeñaría informática e a súa xenerosa contribución dende fai décadas á nosa universidade, que xa é tamén a súa, fanlle merecedor do título de doutor honoris causa pola USC”, concluíu Senén Barro.
O catedrático catalán referente no campo científico da lóxica difusa, primeiro da Universidade Politécnica de Cataluña e logo da Politécnica de Madrid, foi presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nos anos 80 e en 2006 xa recibira a Insignia de Ouro da USC. Coa institución docente compostelá mantén contacto dende 1985, concretamente a través do traballo de doutoramento de Alejandro Sobrino que logo derivou nunha intensa colaboración co Departamento de Lóxica e Filosofía da Ciencia e co de Electrónica e Computación.
Uhaldeborde
Pola súa banda, o catedrático de Economía da Université de Pau et des Pays de l’Adour (Francia) Jean-Michel Uhaldeborde é proposto polo Departamento de Economía Aplicada da USC co que iniciou nos anos 80 unha relación investigadora, concretamente coa sección de Facenda Pública. O profesor francés é especialista no campo da economía e as políticas públicas, particularmente nas que se refiren ao desenvolvemento local e o seu financiamento, sendo considerado hoxe unha referencia europea na materia.
O catedrático de Economía Aplicada da USC Luís Caramés interveu como padriño no acto de investidura subliñando que o profesor Uhaldeborde “é un economista pegado ao terreo, que non fuxe das técnicas estatística e econométricas, pero que sabe o importante de non esquecer as institucións, na que máis nobre tradición da economía política”.
Realizou Caramés unha semblanza do que ten sido a traxectoria académica e profesional de Jean-Michel Uhaldeborde, autor de máis de cen artigos e contribucións en publicacións científicas e responsable con Alain Guengant do capítulo “économie et finances locales”, publicación do grupo de investigación sobre a administración local en Europa do Centro Nacional de Investigacións Científicas (CNRS) dende 1981. O novo doutor honorífico é co editor xunto co propio profesor Caramés da revista UrbanPublic Economic Review e avaliador de numerosas revistas científicas da súa especialidade e membro de comité científicos de varios organismos estatais.
Ademais, impartiu docencia en todos os niveis do ensino superior de grao e posgrao, en formación inicial ou continua para unha variedade públicos en case todos os temas da economía aplicada, tanto dende un enfoque xeral como técnico. Ditou cursos noutras institucións universitarias francesas ou foráneas, como profesor convidado ou conferenciante, de España, Chile, Ecuador ou Canadá. Tamén foi consultor de organismos internacionais e, na actualidade, colabora coa OCDE.
Desempeñou distintas funcións de xestión, tanto en órganos colexiados como en cargos unipersoais relacionados nas universidades de Burdeos e de Pau, e foi presidente da Comisión de Recursos da Conferencia de Reitores das Universidades Francesas e experto da Axencia de Avaliación do Ensino Superior (equivalente francés da ANECA).
A cerimonia celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Servimav-USC Jean-Michel Uhaldeborde. Foto. Servimav-USC Enric Trillas. Foto: Servimav-USC