Ensemble Allettamento abre o luns o ciclo ‘Le nuove musiche. A música instrumental e vocal do século XVII’

O próximo luns 19 terá lugar o primeiro concerto do ciclo ‘ Le nuove musiche. Música instrumental e vocal do século XVII’, que engloba un total de seis recitais a celebrar ata maio do vindeiro ano. Todos eles serán ás 20:30 no Paraninfo da USC excepto o último, que se desenvolverá na Igrexa Conventual de Santa Clara ás 20.00 horas.
O recital do luns, que leva por título ‘O violín e o violonchelo no século XVII’, correrá da man do Ensemble Allettamento, un proxecto do violinista Mario Braña e a violonchelista Elsa Pidre que nace como resultado da unión dunha dilatada traxectoria musical conxunta e do interese de ambos os dous pola música antiga. Interpretarán un programa con obras de Nicola Matteis, Domenico Gabrielli, Giovani Maria Bononcini, Pandolfi Mealli, Johann Jakob Walther, Tomaso Pegolotti e Arcangello Corelli.
Ensemble Allettamento Tras finalizar o mestrado de Interpretación en Música Antiga na ESMAE de Porto, en xullo de 2016 Mario Braña e Elsa Pidre resultan finalistas do V Concurso Internacional de Música Antiga de Xixón e son galardoados co Premio Especial do Público . Nese momento deciden abordar o estudo das orixes do repertorio para violín e violonchelo dos séculos XVII e XVIII con instrumentos orixinais e desde unha perspectiva historicamente informada. Un ano máis tarde conseguen o Gran Premio do Xurado no VI Concurso Internacional de Música Antiga de Xixón.
Tomando este traballo como punto de partida, desenvolven outros proxectos que abarcan fundamentalmente os séculos XVII e XVIII, adaptando a formación en función do repertorio e cos que pretenden, entre outros obxectivos, recuperar o patrimonio musical menos coñecido da península ibérica.
O Ensemble toma o seu nome dos Allettamenti da Camera de Tessarini, unha das primeiras obras especificamente indicadas para violín e violonchelo. A conexión co público é un dos principios do ensemble e, nesa liña, buscan o “allettamento”, o suxestivo, o atractivo, agradar, seducir e mover os afectos do espectador nas súas interpretacións.
Mario Braña Licenciado en Violín Moderno no CONSMUPA de Oviedo con Yuri Nasushkin, experto universitario en Interpretación e Análise Musical, licenciado en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Oviedo, e mestrado de Interpretación en Música Antiga na ESMAE de Porto. Estuda ademais Violín Barroco con Enrico Onofri no Conservatorio de Palermo.
É bolseiro da Academia Montis Regalis (Italia) e da Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca. Colaborou con conxuntos de música antiga de España e Portugal como a Orquestra Barroca de Tenerife e Concerto Ibérico. Profesionalmente, colaborou regularmente coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias e hoxe en día é violinista na Orquestra do Norte (Portugal).
Elsa Pidre Tras realizar os seus estudos de Violonchelo Moderno no CONSMUPA de Oviedo con Viguen Sarkissov e a licenciatura en Historia e Ciencias da Música na Universidade de Oviedo, Elsa Pidre decide especializarse no ámbito da música antiga realizando o mestrado da ESMAE de Porto. É bolseira da Academia Montis Regalis (Italia) e da Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca, colaborou regularmente coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias e traballou na Orquestra do Norte (Portugal).
Como membros do Cuarteto Vínculos, ambos os dous foron galardoados cun Grand Prix no Concurso do Foro Internacional ‘Musical Performance and Pedagogics’ (Madrid, 2010), tres primeiros premios no Concurso de Música de Cámara ‘Francisco Salzillo’ (Murcia, 2010), no I Concurso Festival Internacional ‘A noite en Madrid’ (Madrid, 2011) e no X Certame de Música de Cámara ‘Rotary Sardinero’ (Santander, 2011), así como un terceiro premio no Concurso Internacional de Música de Cámara de Temática Relixiosa (Valencia, 2009).
O ciclo O ciclo está centrado no seicento, “a época musical de occidente na que se sucederon os maiores e máis transcendentes cambios de todo o seu devir”, tal e como manifesta o profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo. É o período no que nace o Barroco, no que a música instrumental adquire maiores dimensións grazas aos importantes avances técnicos e construtivos dos instrumentos, á aparición de executantes cada vez máis especializados e á incorporación e experimentación de novas formas e códigos de composición.
Ao longo dos seis concertos iranse desvelando diferentes faces deste período que, segundo Garbayo, recolle “todo un mundo de experimentación sonora e de fantasía que se abriu coa nova música barroco, cuxo éxito non sería posible sen a complicidade do público. O Barroco é, ante todo, unha arte creada para sorprender ao espectador, traspasándose en moitas ocasións os límites do propio son. E como público que somos, a música creada nese momento segue hoxe excitando o noso espírito, con propostas sorprendentes pola súa modernidade e ousadía, a pesar de ter xa, nalgúns casos, 400 anos de vida ás súas costas”.