Entidades de economía social achéganse ao alumnado universitario
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu este martes un encontro de achegamento das entidades de Economía Social co alumnado da USC. Baixo o lema ‘Coñeces a economía social’ e organizada polo Centro de Estudos de Cooperativas (CECOOP) da Universidade compostelá e a Rede Eusumo, na xornada as distintas organizacións presentaron nos seus espazos as súas actuacións e as fórmulas de emprendemento que se poden desenvolver, en particular as vantaxes e particularidades da fórmula cooperativa como modelo empresarial máis axeitado na actualidade.
O obxectivo foi facer chegar ao estudantado universitario as distintas familias que conforman a Economía Social galega. Así, na sesión participaron Espazocoop (Unión de Cooperativas Galegas), AGACA (Asociación de Cooperativas Agroalimentarias), CEGASAL (Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego), AESGAL (Asociación de Empresas Laborais de Galicia) e AEIGA (Asociación de Empresas de Inserción de Galicia).
As actividades continuarán desenvolvéndose ao longo do curso e complementaranse con obradoiros de creación de cooperativas (xogo de creación de empresas #ASoluciónCooperativa).