Ir o contido principal

Entrega de diplomas do I Master en Xestión de Empresas de Deseño e Moda

A primeira promoción do Master en Xestión de Empresas de Deseño e Moda recollerá este venres, día 23, os seus diplomas acreditativos nun acto que terá lugar ás 18:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Santiago (Rúa do Vilar, 19). Ao acto asistirán Marcos Fernández e Lucía Penado, do ITE Caixa Galicia, e o director e coordinadora do posgrao, Román Rodríguez e Paula Acuña, respectivamente.
O Máster en Dirección e Xestión de Empresas de Moda pretende ser unha ferramenta eficaz para que o director e xestor destas empresas poida coñecer con detalle o entramado industrial e empresarial que constitúe o sector da moda, deseño e confección no máis amplo sentido destes termos. O coñecemento de todas as materias que compoñen o curso bríndalle a estes executivos o mellor modo de poder traballar eficazmente neste ámbito.
Con clases en Santiago e Lalín, o master diríxese tanto a profesionais e directivos de empresas do sector da moda como a titulados universitarios que desexen orientar a súa carreira profesional cara a este sector.
Ao longo desta primeira edición os alumnos tiveron a oportunidade de compartir as experiencias profesionais cun excelente cadro docente formado por profesorado da USC e do Instituto Marangoni, a cuxas instalacións académicas en Milán foron formarse. Recibiron ademais clases e conferencias de relatores de prestixio como o responsable de Marketing de Caramelo, Ignacio Molina; o responsable de Formación de Inditex, Paul Tran; o director do Departamento de Prensa e Relacións Públicas de Adolfo Domínguez, Matías Rodríguez; a modelo Laura Ponte; ou Miguel Palacio, entre outros. Así mesmo, visitaron as instalacións da maioría das principais empresas galegas do sector.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2007.