Entrega dos premios de divulgación científica 'Darwin e o cinema'
O proxecto científico ‘A influencia de Darwin no cinema’, que promove a USC baixo a coordinación da catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón, entregará este venres 20 os premios de divulgación científica correspondentes á convocatoria ‘Darwin e o cinema’. A entrega celebrarase ás 17:00 horas no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro de Santiago. Incluído nas actividades da Semana da Ciencia 2009, colabora no desenvolvemento do proxecto a Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia.
A iniciativa ten como obxectivo, entre outros, impulsar o espírito científico e emprendedor así como as profesións de científico e tecnólogo entre os máis novos. Para elo tomouse como referencia a transcendencia do científico inglés, do que este ano se celebra o bicentenario do seu nacemento e os 150 anos da publicación da súa achega máis coñecida á Humanidade, A orixe das especies.
Previamente, convocouse un concurso no que se animaba ao alumnado de bacharelato a estudar a transcendencia da obra de Charles Darwin en varios filmes. Así, proporcionouse aos centros participantes un lote de películas nas que se incluían títulos como Gattaca, Na procura do lume, 2001: unha odisea no espazo, Herencia do Vento e O planeta dos simios. Os alumnos participantes, constituídos en grupos de non máis de cinco e coordinados por un profesor, tiveron un mes para analizar a relación proposta e trasladar as súas impresións a un traballo co que optaron ao concurso.
En total, participaron trinta grupos de alumnos de bacharelato dos IES Sofía Casanovade Ferrol, do Castro de Vigo, O Couto de Ourense; Nosa Señora dos Ollos Grandes e Lucus Augusti de Lugo; Nº 1 do Carballiño e o propio Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O xurado constituído por profesores universitarios e persoeiros do mundo da ciencia e do cine reuniuse esta semana e o seu fallo darase a coñecer no transcurso do propio acto de entrega, este venres 20. As persoas interesadas poden acadar máis información na páxina web do proxecto.