Entrega dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero este mércores 23 no Colexio de San Xerome
O Salón de Graos do Colexio de San Xerome collerá a entrega este mércores 23, ás 11.30 horas, dos galardóns correspondentes á X Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero, así como do VI Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson. No acto de entrega, tomarán parte a vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas, Noa Díaz Varela; así como a secretaria xeral de Igualdade, Susana Lopez Abella.
Os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC están estruturados en dúas modalidades. A primeira delas pon o foco nas accións innovadoras dirixidas á inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC. Na modalidade investigadora, tomáronse en consideración aqueles traballos desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito de coñecemento que incluísen a perspectiva de xénero na formulación das hipóteses, metodoloxía e execución da investigación, así como na publicación de resultados obtidos. Para cada unha das modalidades outorgaranse ata tres premios cunha dotación económica de 1.000, 750 e 500 euros respectivamente. Os primeiros premios de cada modalidade están financiados polo Concello de Santiago.
Ruth Matilda Anderson
Sacar á luz o labor que desenvolven as mulleres na sociedade e des construír, na medida do posible, os estereotipos de xénero acerca dos traballos que son propios de mulleres e de homes, así como motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional, son os obxectivos cos que botou a andar a sexta edición do Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson, cunha convocatoria aberta a toda a comunidade universitaria e antigo alumnado da USC.
As tres mellores imaxes seleccionadas recibirán como premios, financiados polo Concello de Santiago, unha dotación económica de 1.000 euros para o primeiro, 800 para o segundo e 500, para o terceiro. Ademais, a imaxe gañadora centrará o cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres en 2020.