Ir o contido principal

Entregadas as bolsas para realizar compras no Mercado de Abastos de Santiago

Dez estudantes da USC disporán de 120 euros mensuais ata xuño para consumir produtos frescos do Mercado

Os dez estudantes universitarios da USC beneficiarios das bolsas para realizar compras nos establecementos do Mercado de Abastos de Santiago recibiron esta mañá os seus bonos. A entrega realizouse nun acto no que interviñeron o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, José M. Mayán Santos, o presidente e a xerente do Mercado de Abastos de Santiago, José Fernández Rodríguez e Marta Rey Boquete. Esta convocatoria chega este ano á súa quinta edición, neste ocasión baixo o lema ‘Comer con xeito’.
As bolsas, dotadas con 120 euros mensuais ata o vindeiro mes de xuño, recaeron en Alba Cid e Lucía Gómez, de Filoloxía; Mercedes Freire e Antonio Freire, de Farmacia; Jesús Mosquera e Sergio Álvarez, da Facultade de Química; Daniel del Río, de Xeografía e Historia; Rocío Trastoy, de Bioloxía; Ana María Sánchez, de Ciencias Políticas; e Alma López, da Facultade de Filosofía.
A convocatoria, froito dun acordo de colaboración entre a USC e a Sociedade Cooperativa Galega Mercado de Abastos, tenta promocionar o consumo de produtos frescos entre os estudantes universitarios.
Os beneficiarios poderán gastar, entre o 19 de xaneiro e o 30 de xuño de 2009, un total de 5 euros ao día de luns a sábado, non acumulables máis dunha semana. Deste xeito, os bolseiros terán á súa disposición os luns nas oficinas do Mercado seis bonos cun importe de cinco euros cada un que se poderán trocar en calquera dos establecementos da praza e que só serán válidos ata rematar dita semana.
Como en anteriores convocatorias, os estudantes seleccionados non podían ter gozado destas bolsas con anterioridade, debían posuír unha nota media de expediente académico superior a 2 puntos e ter o domicilio familiar fóra de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2009.