Entregados os galardóns dos certames ‘Teses en tres minutos’ e ‘A túa tese de doutoramento nun fío de Twitter’
Resumir o contido dunha tese de doutoramento en tan só tres minutos ou mesmo facelo a través dun chío son os retos que definen os certames ‘Teses en tres minutos’ e ‘A túa tese de doutoramento nun fío de Twitter’ que acaban de superar con éxito diferentes estudantes de doutoramento da USC co apoio da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS).
Así, unha vintena de alumnos e alumnas enviaron vídeos para participar no ‘Teses en tres minutos’ de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento. O certame pretende cultivar as habilidades de comunicación académica, de presentación e de investigación dos estudantes. Este é o primeiro ano que a USC participa neste concurso que apoia a capacidade dos doutorandos e doutorandas para explicar eficazmente a súa investigación en tres minutos, nunha linguaxe adecuada para un público non especializado.
Na final concursaron un total de doce vídeos finalistas, cuxos creadores/as tamén tiveron que desenvolver a presentación da súa investigación en persoa. A exposición, que respectou a duración e a estrutura de cada vídeo, realizárona diante dun xurado e do público presente na Nave de Vidán.
Finalmente, outorgáronse cinco Premios de Excelencia de Divulgación Científica, un por cada área. Os gañadores desta primeira edición do ‘Teses en tres minutos’ da USC foron
Irene Ortiz Leal do Doutoramento en Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias, Fernando Estévez Casado do Doutoramento en Investigación en Tecnoloxías da Información, Sara Calvete Lorenzo do programa en Comunicación e Información Contemporánea, María Moreno Pérez do Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Química, e Jamila Farajova do programa en Lingüística.
O xurado, composto polos subdirectores e subdirectoras da EDIUS e por profesorado da USC, tivo en conta aspectos do contido das presentacións e a capacidade comunicativa dos candidatos e candidatas. A EDIUS premiou aos doutorandos e doutorandas vencedores cun cheque por valor de 250 euros. Ademais, as persoas autoras dos doce vídeos recibiron uns auriculares sen fíos.
Doutra banda, un total de 21 persoas enviaron os seus chíos para participar en ‘A túa tese de doutoramento nun fío de Twitter’, un dos cales resultou gañador da fase galega do certame. Este concurso pretende promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica de futuros ou recentes doutores/as.
Unha vez recibidas todas as propostas, o xurado da universidade compostelá, composto polos subdirectores e subdirectoras da EDIUS e por dous profesores, tivo que elixir un dos fíos de Twitter para enviar á fase galega. O chío gañador resultou ser o de Alejandro Gómez Pazo (@lex_gom), xeógrafo e doutor pola USC, que estudou a evolución da costa galega na súa tese de doutoramento.
Na seguinte fase, valoraron a calidade, características e contidos dos fíos procedentes das tres universidades galegas, así como a súa adecuación ás bases do concurso. Desta volta, o xurado decidiu tamén que o fío gañador era o de Alejandro Gómez Pazo. O xurado destacou que o chío deste xeólogo consegue “enganchar dende o principio, expoñendo as conclusións relacionándoas directamente coa súa importancia local”. Engaden que a construción do fío é correcta, “utilizando unha linguaxe desenfadada e o humor para conectar co público”. Por outra banda, o xurado destaca do traballo de Gómez Pazo que “achega máis riqueza ao fío o emprego de gifs con elementos da cultura popular (The Rock, Forest Gump, La Vida Moderna...), fotos reais da metodoloxía empregada, e unha ligazón final para saber máis” do seu traballo. O certame está impulsado por Crue Universidades Españolas e a Rede Divulga.