Ir o contido principal

Entregados os premios ‘A Ciencia en Imaxe’ no marco da festividade de San Alberte Magno, patrón das ciencias

Na modalidade de fotografía, o primeiro premio foi para M. Pilar Vázquez Tato pola fotografía ‘Unha pinga de Ciencia’
Na modalidade de fotografía, o primeiro premio foi para M. Pilar Vázquez Tato pola fotografía ‘Unha pinga de Ciencia’
As facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química celebraron a súa festividade nun acto institucional que serviu para reflexionar sobre astrofísica nuclear e luz cuántica
Santiago de Compostela

O acto institucional para conmemorar a festividade de San Alberte Magno serviu de marco, este martes 15, na Facultade de Física da USC, para facer entrega dos premios correspondentes á IX edición do Concurso ‘A Ciencia en Imaxe’, que este centro organiza conxuntamente coas facultades de Bioloxía, Ciencias, Matemáticas e Química, así como coa Real Academia Galega de Ciencias. A sesión estivo presidida polo vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e contou coa presenza de M.ª Elena López Lago, decana da Facultade de Física; Jesús Ángel  López Romalde, decano de Bioloxía; Asteria M. Luzardo Álvarez, decana de Ciencias; M.ª Elena Vázquez Cendón, decana de Matemáticas; e Jesús Sanmartín Matalobos, decano de Química.

Na modalidade de fotografía, o primeiro premio foi para M. Pilar Vázquez Tato pola fotografía ‘Unha pinga de Ciencia’ e o segundo para Enaitz Busto Ziarreta por ‘A curiosidade matou á mosca’. Xa en vídeo divulgativo, Luis Arcelle González foi recoñecido co primeiro premio por ‘Que sería das verbenas sen Bunsen y Kirchhoff?’ e Fernando Barbadillo Jove, Fernando Díaz Gómez e Manuel Losa César co segundo polo vídeo divulgativo ‘Cristales de plata’.

O contido das propostas debía estar relacionado coas Ciencias, como por exemplo, os seus conceptos fundamentais, científicos/as, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, ou temas de investigación, entre outros. En fotografía, o primeiro premio ascende a 200 euros, mentres que o segundo é de 100 euros. 250 e 125 euros son, respectivamente, as dotacións do primeiro e segundo premio na modalidade de vídeo. Esta convocatoria estaba aberta á comunidade universitaria da USC así como á dos centros de Ensino Medio de Galicia nos que se impartan ESO e Bacharelato. A autoría das fotografías debía ser individual mentres que a dos vídeos podía ser individual ou grupal, de acordo cos requirimentos que se establecen nas bases da convocatoria.

Relatorios

A conferencia ‘A nova era da astrofísica nuclear’, impartida pola profesora Beatriz Fernández Domínguez; e o relatorio ‘A luz cuántica: do láser á teleportación’ impartido polo profesor Jesús Liñares Beiras completaron o programa do acto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2022.