Ir o contido principal

Entregados os premios da terceira edición do certame de Paisaxe Sonora

Foto de familia das persoas participantes na entrega de galardóns
Foto de familia das persoas participantes na entrega de galardóns
Cristian Benítez Leyva por ‘Ritual de petición de lluvias’ obtivo o primeiro premio, mentres que o segundo recaeu en Johan Sebastian Pabón, quen tamén acadou o galardón do público por ‘Montaña a montaña’
Lugo

O primeiro premio do certame de Paisaxe Sonora da USC, dotado con 300 euros, recoñeceu o traballo titulado ‘Ritual de petición de lluvias’ de Cristian Benítez Leyva; mentres que o segundo foi para Johan Sebastian Pabón por ‘Montaña a montaña’, quen recibiu 200 euros, ademais do Premio do Público, dotado con 100 euros. Os dous premiados foron distinguidos tamén cunha xoia deseñada por Montse Rego, alén dos correspondentes diplomas. O xurado acordou tamén outorgar unha mención especial a ‘Sons do Cabo da Area’ presentado por estudantes do CPI Cabo de Area.

O acto de entrega de galardóns desenvolveuse o venres 22, nun acto que tivo lugar na Casa do Saber e que estivo presidido polo adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez Rodríguez. O xurado estivo composto por Arturo Vaquero, coordinador do certame, e Xoán Xil e Marco Antonio Maril Pardo, técnicos especialistas en electroacústica. O ditame baseouse na calidade técnica das obras presentadas, a orixinalidade, o interese sonoro e emocional, a coherencia entre a idea explicada e o audio, así como o seu valor cultural, isto é, se os sons capturados reflicten a identidade e características únicas do lugar, ou se inclúen elementos culturais ou históricos relevantes da zona.

O certame de Paisaxes Sonoras que cada ano impulsa a Área de Cultura da USC no Campus de Lugo ten como finalidade alentar e estimular a disciplina da creación de paisaxes sonoras, así como fomentar a educación da escoita e a sensibilización do oído na nosa contorna. Esta iniciativa quere poñer en valor os sons no día a día e a súa capacidade para evocar emocións, contidos culturais e históricos, e a conexión co medio ambiente.

Paisaxes Sonoras, enmarcado dentro da programación do Outono Cultural, recibe financiamento do convenio Lugo Cultural, froito da colaboración entre a USC, vicepresidencia da Deputación de Lugo e Cultura e Turismo do Concello de Lugo. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2024.