Ir o contido principal

Entréganse o luns os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC na súa cuarta convocatoria

A entrega dos IV Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación na USC terá lugar o vindeiro luns 28 de outubro ás 13:00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Presidirá o acto a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo, e interveñen ademais o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. A convocatoria da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia co co financiamento do Fondo Social Europeo, busca promover e visibilizar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación desenvolvida na universidade compostelá. Os premios contemplan dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. Unha primeira para o profesorado con accións educativas innovadoras realizadas nos últimos tres anos relativas á inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC que supoñan algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e xeneralizada a outros contextos do ensino superior. A segunda resérvase para os equipos que levaran a cabo no mesmo período traballos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipóteses, deseño, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación dos resultados obtidos. O xurado encargado de avaliar as candidaturas presidiuna a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e integrárono ademais a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo; a directora do Instituto de Ciencias da Educación, Ana Mª Porto; o decano de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira; o catedrático de Psicoloxía Social Ramón Arce; a profesora de Organización de Empresas Ángeles López Cabarcos; e a docente de Xerografía Humana Monserrat Villarino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2013.