Entrégase este martes en Santiago o 1º Premio de Investigación Histórica 'Domingo Fontán'
A investigadora Beatriz Cancela Montes recibe este martes 16 o premio de investigación histórica Domingo Fontán na súa primeira convocatoria polo traballo ‘O rexeneracionismo na obra de Santiago Tafall’. O galardón está convocado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e a Real Sociedad Económica de Amigos de País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), e coa colaboración da Fundación Caixa Galicia.
A cerimonia de entrega, na que ademais se presentarán as bases da segunda edición da convocatoria do premio, terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio da RSEAPS (Praza Salvador Parga, nº 4). Presidido polo presidente da Sociedade, Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez, no acto interveñen ademais o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús A. Casabiell Pintos; e a vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia, María del Carmen Rodríguez González.
No transcurso da celebración, a propia Beatriz Cancela Montes pronunciará a conferencia ‘A obra de Santiago Tafall e a súa vinculación coa Real Sociedad Económica’.