A enxeñaría agronómica será unha profesión con alta demanda pola necesidade de sistemas de produción sustentable, di Bueno
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, salienta que a Enxeñaría Agronómica “vai ser das profesións máis demandadas nun futuro próximo, pois o reto de conseguir producir máis alimentos na mesma superficie vai necesitar expertos que poñan en marcha novos sistemas de produción sustentable”.
Bueno Lema fixo esta reflexión despois de achegar o dato de que as predicións do crecemento da poboación mundial anuncian que para o ano 2050 no planeta Terra haberá máis de 9.000 millóns de seres humanos. “Isto vai provocar que as necesidades de producir alimentos no planeta aumenten como mínimo nun 50% respecto da actual capacidade de produción”, afirmou. Acompañado polo investigador da USC Ángel Castro Ramos, doutorando no programa Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, e baixo a moderación do director do Gabinete de Comunicación da USC, Luis Celeiro, os dous investigadores analizaron este xoves en Lalín o tema da mecanización agrari a en dúas sesións divulgativas desenvolvidas no Auditorio de Lalín, unha en quenda de mañá e dirixida a estudantes dos IES Laxeiro e Aller Ulloa, e outra, xa pola tardiña, aberta a todo o público. Bueno e Castro puxeron de manifesto que a mecanización agraria vai ser fundamental para o reto de conseguir producir máis alimentos, “pois desde sempre a agricultura vén axudando a que a relación do home coa actividade agrícola sexa máis doada”, destacaron, para logo engadir que dende a invención dos motores de combustión interna a finais do século XIX, mecanización e motorización foron unidas ata o día de hoxe. “Isto ten permitido mellorar as condicións de traballo da poboación rural, aumentar os seus ingresos e as producións, mellorar a calidade dos produtos agrarios e reducir os seus custos”, sinala Javier Bueno. Na actualidade, a diminución da poboación empregada na actividade agraria, xunto co aumento da súa idade media, fan máis necesaria a mecanización para garantir a subministración de alimentos no eido mundial. Verbo disto, os dous especialistas puxeron de manifesto que “no século XXI a electrónica e a automatización das operacións mecanizadas son dous dos aspectos máis novos que están a mudar a forma tradicional de traballar en moitas explotacións”. “A formación de técnicos cualificados que saiban xestionar as novas tecnoloxías asociadas á mecanización dos procesos de produción de alimentos, vai ser unha necesidade vital para garantir a alimentación da poboación mundial no futuro”, indicaron. Por último, Bueno e Castro achegaron algúns datos que deixan constancia da importancia de estar á vangarda na mecanización agraria. Así, a Unión Europea lidera o sector da fabricación de maquinaria agrícola a nivel mundial, cun 31% da produción. En Europa a industria relacionada coa mecanización agraria facturou uns 26.000 millóns de euros no ano 2013, dando emprego directo a unhas 135.000 persoas e xerando uns 125.000 empregos indirectos nas redes de distribución e servizo. A sesión sobre mecanización agraria desenvolvida este xoves en Lalín é a terceira que se celebra dentro das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ , organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A próxima cita será no Barco de Valdeorras, o venres 3 de outubro, e versará sobre a temática dos viños e a produción vitivinícola. Javier Bueno, Luís Celeiro e Ángel Castro, durante a intervención