Ir o contido principal

Enxeñaría de pau no Campus Terra da USC

Xan Neira, apoiado na estrutura do invernadoiro ecolóxico montado na finca de prácticas do Campus Terra da USC
Xan Neira, apoiado na estrutura do invernadoiro ecolóxico montado na finca de prácticas do Campus Terra da USC
Un invernadoiro de madeira con estrutura arqueada inspirada nun deseño de Da Vinci estrea o espazo agroecolóxico na finca de prácticas da sede universitaria luguesa

A valorización dos recursos forestais e a aproveitamento da madeira para usos estruturais é unha das liñas de actuación nas que o Campus Terra da USC avanza amodo, aínda que de forma ininterrompida. A construción da cuberta (gridhsell) de eucalipto instalada hai uns meses no lateral dun dos pavillóns da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría serviu para facer visible as múltiples utilidades e prestacións que ofrece a madeira para solucións de obra civil ou edificación. O camiño iniciado pola Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da USC co desenvolvemento desta estrutura singular e pioneira no mundo, atopa agora continuidade coa instalación dun invernadoiro de madeira de piñeiro na finca de prácticas da EPSE, localizada no barrio lugués de Sanfiz.

A construción deste novo invernadoiro, a primeira infraestrutura feita integramente de madeira que se levanta na finca de prácticas da EPSE, encádrase nas actuacións desenvolvidas ao abeiro do programa TerraUSCvida, un proxecto de investigación coordinado polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Xan Neira Seijo e que contou con financiamento do Consello Social da USC.

Esta nova infraestrutura universitaria estará dedicada á produción ecolóxica e á reprodución de sementes libres e autóctonas, segundo explicou Neira Seijo. O tamén vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (Seae) sinalou neste senso que uso previsto para este invernadoiro propiciou que a súa construción respondera tamén a criterios ou parámetros ecolóxicos, razón pola que se optou por empregar materiais de baixo impacto ambiental ou ecolóxicos, tal e como é a madeira de piñeiro.

O deseño do invernadoiro é obra do equipo humano de Espiga, quen traballou nesta actuación en estreita colaboración coas empresas CasaBio e Decologic, que se ocupou da aplicación de aceites e demais tratamentos acaídos para preservar a madeira dunha infraestrutura cuxo esqueleto ou armazón xa está montado sobre o terreo, grazas á colaboración de persoal voluntario, á espera dunha cuberta.

“Trátase dunha construción orientada á vida e respectuosa coa saúde dos seus moradores e do medio ambiente”, salienta Neira Seijo, ao tempo que engade que este tipo de solucións arquitectónicas nas que se empregan materiais sostibles e libres de tóxicos, procuran a máxima eficiencia enerxética e son válidas tamén para dar a acubillo tanto a animais como mesmo a persoas.

Detalle construtivo

O invernadoiro ecolóxico do Campus Terra da USC presenta unha estrutura recíproca baseada na ensamblaxe tridimensional de elementos que se apoian mutuamente uns noutros e garanten así o equilibrio da construción. Este tipo de arquitectura está inspirada nun deseño de Leonardo da Vinci coñecido como ‘Ponte Da Vinci’ e que está recollido no Códice Atlántico, un dos volumes incluídos no Codix Matritensis (Madrid, 1965).

O arco ou ponte deseñado inicialmente por Leonardo da Vinci é unha solución construtiva acaída para salvar grandes luces a través do emprego de pezas curtas, manexables e de doada provisión. Daquela, un dos méritos que presenta a estrutura ou armazón deste invernadoiro ecolóxico atinxe ao feito de que non precisa ningún elemento externo de suxeición, xa que logo dun bo estribado, ningunha peza de madeira pode saíra da súa posición.

Dimensión agroecolóxica

O invernadoiro de madeira está chamado a ser o elemento máis visible do futuro espazo agroecolóxico habilitado na finca de prácticas do Campus Terra da USC. De feito, este infraestrutura presidirá, a xeito de atalia, unha pequena parcela de terreo na que está prevista a plantación de, entre outras especies, árbores froiteiros autóctonos e no que tamén se instalarán sistemas de aproveitamento de augas pluviais, a fin de poder desenvolver así ensaios de rega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2017.