Ir o contido principal

Unha enxeñeira desenvolve métodos rápidos e baratos para analizar a composición e a autentificación de viños con DO

A investigadora María José Martelo Vidal, entre o director e os membros do tribunal encargado de avaliar a súa tese de doutoramento
A investigadora María José Martelo Vidal, entre o director e os membros do tribunal encargado de avaliar a súa tese de doutoramento
Martelo Vidal valida na súa tese metodoloxías de espectroscopía UV-VIS-NIR combinadas con técnicas quimiométricas para clasificar e cuantificar caldos galegos

A enxeñeira agrícola e máster en Innovación, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria María José Martelo Vidal proba na súa tese de doutoramento novos métodos que permiten analizar de forma rápida e económica a composición química de viños galegos de denominación de orixe, ademais de testar a autoidentificación destes caldos.

A investigación que Martelo Vidal recolle na súa tese de doutoramento, dirixida por Manuel Vázquez Vázquez, profesor da Facultade de Veterinaria de Lugo e coordinador do Laboratorio de Desenvolvemento de Novos Alimentos (Labtecali) da USC, desenvolve novas metodoloxías analíticas baseadas na espectroscopía UV-VIS-NIR e combinadas con técnicas quimiométricas, coas que é posible determinar de forma rápida, económica e non destrutiva, diversos parámetros de la composición química dos viños, así como a autentificación de caldos galegos brancos e tintos con denominación de orixe (DO). Na súa investigación, María José Martelo Vidal realizou diversos estudos de clasificación e cuantificación de compostos en viños galegos. Os resultados obtidos nos estudos feitos a distintos viños brancos monovarietais das DO Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Ribeiro y Monterrei, así como nos referidos a outros caldos tintos das DO Rías Baixas e Ribeira Sacra, demostran a posibilidade de cuantificar a composición dos viños, ademais de acometer outras clasificacións en función da DO á que pertencen, así como en función da súa localización ou zona dentro de una misma DO ou tamén en función da variedade de uva. Os resutlados dos estudos desenvolvidos por Martelo Vidal proban que é viable utilizar a espectroscopía UV-VIS-NIR, combinada con técnicas quimiométricas de clasificación y cuantificación, como método rápido e fiable para analizar viños galegos. Esta nova metodoloxía proporciona unha alternativa de análise rápida, a través da que a industria enolóxica pode obter de xeito sinxelo datos da composición xeral ou da composición polifenólica dos seus caldos. A discriminación entre distintas denominacións de orixe ou en función da variedade de uva utilizada na elaboración dos caldos galegos son outras das posibilidades que permite esta nova metodoloxía. Os resultados da investigación realizada por Martelo Vidal para a súa tese de doutoramento deron pé a publicación de 8 artigos en revistas científicas internacionais con factor de impacto, entre as que se atopan a ‘Australian Journal of Grape and Wine Research’, considerada como a mellor revista de ciencia do viño do mundo, ou ‘Food Chemistry’, distinguida como unha das mellores publicacións no eido da química de alimentos. Tribunal da tese A catedrática da USC Ángeles Romero presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento defendida na Facultade de Veterinaria de Lugo por María José Martelo Vidal e que se desenvolve baixo o título ‘Desenvolvemento de métodos rápidos de análise baseados en espectroscopía UV-VIS-NIR para a análise de viños’. Os doutores da Universidade de Vigo, Elena Falqué e José Manuel Domínguez González; a investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) Mar Vilanova Latorre e Juan Manuel Mesas Mesas, profesor da área de Tecnoloxía de Alimentos na USC, tamén formaron parte do xurado que acordou conceder a máxima cualificación académica á tese defendida por Martelo Vidal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2014.