A EPS acolle os días 10 e 11 de abril o II Workshop de Investigación en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural
A segunda edición do Workshop de Investigación en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural reunirá os días 10 e 11 de abril na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo a preto de vinte investigadores que participan como alumnos no programa de doutoramento en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, un posgrao impulsado polo Departamento de Enxeñaría Forestal da Universidade de Santiago de Compostela e que foi distinguido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa Mención cara a Excelencia 2011-2014.
Os participantes nesta sesión de traballo, que se desenvolve dentro do Seminario de Doutores do máster oficial de Investigación en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, presentarán neste foro comunicacións relacionadas coa agroenxeñaría, enxeñaría de produción de leite e modelización forestal, temáticas todas que se corresponden coas especialidades dos futuros másteres oficiais en Enxeñaría Agronómica e Enxeñería de Montes que ofrecerá o vindeiro curso a Universidade de Santiago de Compostela. Os distintos relatorios programados desenvolveránse en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, tanto na sesión do mércores como na prevista para o xoves 11 de abril. Os resultados e as comunicacións presentadas nesta xornada, na que distintos relatores falarán sobre a implantación da muxidura robotizada en Galicia, o deseño e a eficiencia organizativa das explotacións de vacún leiteiro, a xestión sustentable de ecosistemas fluviais, o efecto dos sistemas de rega na variedade Albariño ou, entre outros moitos temas, das potencialidades do agroturismo, serán recollidos e publicados nun número especial da revista ‘Spanish Journal of Rural Development’, da Asociación Galega de Investigadores para o Desenvolvemento Rural (Agaideru).