A EPS acolle unha xornada técnica sobre ferramentas para a xestión de parques de maquinaria agrícola
O Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo celebrará este venres 26 na Escola Politécnica Superior unha xornada técnica co título ‘Novas ferramentas para a xestión de parques de maquinaria agrícola’, dirixida a técnicos, xerentes e persoal de cooperativas agrarias, así como a universitarios con interese na xestión de parques de maquinaria.
Con esta xornada preténdese ofrecer aos técnicos destas cooperativas un sistema de xestión estudado polos investigadores que permite un mellor aproveitamento da maquinaria compartida. Ofrecerase aos técnicos os resultados da análise realizada sobre este particular na cooperativa Os Irmandiños, empresa de referencia no ámbito agraria nesta comunidade. Segundo os organizadores, os obxectivos acadados son de interese para toda a comunidade agraria, razón pola que se organizou esta acción formativa.
As novas ferramentas que se utilizan para a xestión da maquinaria utilizan a informática, a electrónica e as tecnoloxías da información e a comunicación como ingredientes principais para que a xestión en común de parques de maquinaria agrícola sexa máis fácil e precisa.
Esta xornada recolle boa parte dos resultados de dous proxectos de investigación realizados pola Cooperativa Os Irmandiños e a Universidade de Santiago de Compostela con financiamento da Consellaría de Innovación e Industria a través do Plan Galego de I+D+i. O primeiro dos traballos, realizado entre 2003 e 2006, recibiu unha axuda de 140.122 euros e supuxo a creación dun sistema de xestión de traballo das colleitadoras autopropulsadas de forraxe mediante unha aplicación informática e equipos electrónicos nas máquinas.
En 2007, foi concedida a esta mesma cooperativa unha subvención de 74.970 euros no marco do Programa de Medio Rural do Plan INCITE 2006-2010. O obxectivo desta investigación que se prolongará ata 2010 é o desenvolvemento dun sistema para a xestión informatizada de tractores, máquinas non automotrices e vehículos de apoio mediante a utilización de GPS, telemetría e sistemas de maior control dos servizos de maquinaria dunha cooperativa agraria. Trátase de desenvolver unha tecnoloxía adaptada ás necesidades deste tipo de cooperativas en Galicia para mellorar o control técnico e económico, a trazabilidade das operacións mecanizadas e a distribución dos fertilizantes. Segundo o equipo de investigación, a informatización da recollida de datos de produción e custes permitirá axilizar a toma de decisións e a actualización dos parques de maquinaria cara maquinas máis rendibles e eficaces enerxeticamente.
A xornada dará comezo ás 17:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior coa apertura por parte do director da EPS, Javier Bueno. Participarán ao longo da mesma os investigadores responsables do estudo, así como técnicos da cooperativa e de ENEGA solucións.