Ir o contido principal

A EPS convértese no segundo centro do Estado en contar cunha canle de ensaios de onda-corrente

Esta infraestrutura permitirá continuar as investigacións no sistema de xeración de enerxía da oleaxe e na contención de vertidos de hidrocarburos en zonas de corrente

A Escola Politécnica Superior de Lugo presentou hoxe un novo sistema de xeración de oleaxe que permitirá desenvolver dúas liñas de investigación que se están levando a cabo neste centro, as barreiras de contención de hidrocarburos en zonas de corrente e a xeración de enerxía mediante a oleaxe. Esta nova instalación sitúa á EPS na vangarda da investigación nestas liñas, xa que é o segundo centro de España que conta con esta infraestrutura.
O novo canal de ensaio de onda-corrente é unha instalación científica cunha lonxitude de 20 metros e unha sección transversal de 0,65 x 0,9 metros. Para observar os ensaios dispón dunha estrutura completamente acristalada nos laterais e conta cunha ventá para observar os modelos. O sistema de xeración da oleaxe consiste nunha pala de tipo pistón de 60 centímetros de carreira, capaz de xerar ondas regulares e irregulares. Ademais, está equipada cun sistema de absorción activa da onda reflectida (AWACS) e cun sistema de produción de correntes de distintas velocidades e direccións impulsado por unha bomba de 22 kw.
Esta infraestrutura permite realizar ensaios de modelos físicos a escala de estruturas portuarias, como diques en talude, diques verticais ou espigóns, e equipos marítimos e nel se seguirán dúas liñas de investigación de gran importancia para o departamento de Enxeñería Hidráulica da EPS lucense. Esta canle de ensaios está construída dentro do proxecto PROLIT, cofinanciado polo programa comunitario Interreg IIIA España-Portugal que leva por título “Ferramentas avanzadas para a protección do litoral de Galicia e a Rexión Norte de Portugal fronte a vertidos de hidrocarburos en alta mar”.
O máis importante liña de investigación é o desenvolvemento da tecnoloxía WAVECAT, patentada pola USC, e que permite a obtención de enerxía a través da oleaxe. Nesta canle poderá probarse e perfeccionarse o dispositivo creado por un grupo de investigadores do campus de Lugo, e no que participan membros da empresa Norvento. A importancia deste proxecto foi recoñecida este ano ao recibir un premio da Fundación CEL no apartado de “Proxectos de Investigación e Innovación Aplicada á Empresa”.
A comunidade autónoma galega ten un clima marítimo moi enerxético ao estar caracterizado por ondas altas, polo que esta tecnoloxía suporá un importante aproveitamento en enerxías renovables.
HidrocarburosOutras das liñas de investigación que se seguirá neste proxecto é o ensaio de barreiras flotantes de contención para futuros vertidos accidentais de hidrocarburos. Actualmente, os sistemas de contención dispoñibles para protexer a costa nesas situacións funcionan ben en augas abrigadas, pero a súa eficacia é moito menor cando están sometidos a oleaxe e correntes, como nos casos de entradas ás rías. De feito, o proxecto europeo PROLIT busca o deseño desas barreiras para protexer as zonas sensibles da costa, en especial nas rías.
Esta nova canle de ensaios permitirá seguir con outros traballos de investigación xa en marcha na EPS como a investigación en diques, un proxecto financiado por Puertos do Estado, que busca conseguir a estabilidade e o rebaixe nos diques en talude. A xeración de enerxía a partir das correntes e a construción de caixóns non reflectantes para peiraos son algunhas das outras liñas.
Esta nova infraestrutura foi presentada ante un auditorio de profesores por parte do director da EPS, Javier Bueno, e o responsable do departamento de Enxeñería Hidráulica Gregorio Iglesias. Englóbase dentro das actividades previstas no Campus de Lugo con motivo da celebración da Semana da Ciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2007.