Ir o contido principal

A EPS desenvolve un modelo de predición do ambiente interior de explotacións de reses de porcino en fase de transición

Juan Antonio Ortega, entre M. Ramiro Rodríguez e Dolores Fernández, na EPS
Juan Antonio Ortega, entre M. Ramiro Rodríguez e Dolores Fernández, na EPS
A tese de doutoramento realizada polo enxeñeiro agrónomo pontevedrés Juan Antonio Ortega está dirixida polos profesores da USC Dolores Fernández e M. Ramiro Rodríguez

As delicadas condicións ambientais que requiren os leitóns tras o destete para garantir o seu correcto crecemento e o seu benestar centran o obxecto da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo o enxeñeiro agrónomo pontevedrés Juan Antonio Ortega Martínez baixo o título ‘Estudo do ambiente interior de aloxamentos para gando porcino en fase de transición e o seu modelizado ARIMA’.

Esta tese de doutoramento, dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Dolores Fernández Rodríguez e Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez, estuda polo miúdo as condicións ambientais dunha explotación porcina de produción de leitóns de 20 kg de p.v., localizada na provincia da Coruña e cunha capacidade autorizada de 4.895 nais. A análise do clima exterior, das instalacións de climatización e da actividade animal foron a base para o desenvolvemento dun modelo de predición de la variable clave, a temperatura na zona animal, empregando a metodoloxía ARIMA (Autoregressive integrated moving average). A aplicabilidade deste modelo ao deseño de estratexias e elementos de control eficientes dende dous puntos de vista, animal e enerxía, garántese grazas á extensa e completa validación realizada, segundo indica Ortega Martínez, quen tamén subliña que os datos resultantes desta investigación de doutoramento son aplicables a calquera outra explotación de gando porcino en fase de transición. As variables de predición do modelo desenvolvido na EPS inclúe entre os parámetros empregados a temperatura exterior, a superficie de apertura da saída de aire, o volume de aire extraído e o peso vivo dos animais aloxados na sala, integrando os tres factores básicos, clima, funcionamento das instalacións e animais. O valor actual de temperatura na zona ocupada polo animal é predicible, segundo este novo modelo, a partir dos datos dos 20 minutos anteriores. O erro medio da predición acada un valor absoluto porcentual do 3%, segundo sinala Juan Antonio Ortega Martínez. Este enxeñeiro agrónomo engade asemade que este mínimo grao de error é posible grazas aos estudos realizados durante máis 200 días, un período suficientemente amplo como para ter en conta diferentes variables. Tribunal de tese e cualificación O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Saturnino de la Plaza Pérez presidiu o tribunal encargado da avaliar a terse de doutoramento presentada por Juan Antonio Ortega Martínez e que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude. O catedrático da USC Francisco Maseda Eimil, Luis Manuel Navas Gracia, da Universidade de Valladolid; José Miguel Molina Martínez, da Universidade Politécnica de Cartagena, o profesor da USC Ramón Velo Sabín, que actuou en calidade de secretario, completan a relación de membros do tribunal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2016.