Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría aborda nun ciclo con empresas e investigadores a robotización nos sectores agroforestal e gandeiro

Roberto Iglesias, Rosa Romero e Javier Bueno, na presentación do ciclo de relatorios
Roberto Iglesias, Rosa Romero e Javier Bueno, na presentación do ciclo de relatorios
O responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, e o presidente de Kubota España, Germán Martínez, abren o 11 de xullo a quenda de intervencións dun foro que citará ao día seguinte no centro universitario lugués os investigadores do CSIC Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar. A asistencia é gratuíta previa inscrición en liña
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC aborda o progresivo proceso de robotización que está a experimentar o sector agrogandeiro e a súa incidencia na realización das actividades agroforestais e gandeiras, no marco dunhas xornadas que citarán no centro universitario lugués os días 11 e 12 de xullo representantes dalgunhas das empresas multinacionais de referencia nestes ámbitos, ademais de investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC.

A directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; o coordinador do grao en Robótica da USC, Roberto Iglesias, e o profesor da mención da especialidade en Agrorobótica incluída neste título de grao, Javier Bueno Lema, presentaron este xoves este programa formativo e de divulgación sobre a realidade actual e as tendencias futuras da robótica agroforestal e gandeira, un foro aberto a toda a comunidade universitaria e demais cidadanía interesada na temática que reunirá no Campus Terra a catro representantes do mundo da empresa e da investigación.

O ciclo ‘Robótica agrícola e gandeira’ xurde co obxectivo de difundir a necesidade de formación superior en enxeñaría para converterse en técnicos especializados en robótica, ademais de para contribuír a situar a EPS de Enxeñaría da USC como un centro de referencia no ensino superior en agro-robótica, sinalou Bueno. Este docente trasladou asemade o agradecemento dos organizadores pola colaboración recibida da Vicerreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo, Deputación Provincial de Lugo, Fundación CEL e Fundación Agroalimentaria de Galicia para a celebración desta xornada.

O coordinador do grao en Robótica da USC, Roberto Iglesias, sinalou neste mesmo senso que estas xornadas sobre aplicacións robóticas nos ámbitos ligados ao sector primario constitúen unha oportunidade, tanto para o alumnado, como para investigadores, empresas e para a cidadanía en xeral, para coñecer algúns dos últimos avances tecnolóxicos no campo da robótica. Daquela, Iglesias subliñou que “este programa resulta especialmente atractivo para todas as persoas interesadas no campo da robótica”.

A directora da EPS de Enxeñaría sinalou que estas xornadas permitirán ao público participante coñecer da man da expertos na materia como está a influír na sociedade a robotización da actividade agrícola. A optimización do tempo de traballo, a mellora dos rendementos produtivos, a redución de esforzos laborais e do impacto ambiental da actividade agrogandeira e a mellora da calidade laboral son algúns dos beneficios derivados da robotización que se está a producir nos sectores agroforestal e gandeiro, comentou Romero, quen tamén recoñeceu o traballo realizado pola comisión organizadora deste ciclo para reunir no Campus de Lugo representantes empresariais e investigadores punteiros nos campos da automatización, robotización e aplicacións da intelixencia artificial.

Programa

O responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, abrirá este programa de relatorios o 11 de xuño, a partir das 10.00 horas, no salón de graos da EPS de Enxeñaría de Lugo, coa charla titulada ‘Robotización de explotacións de vacún de leite’, durante a que tratará algún dos aspectos dos xa xeneralizados robots de muxido, así como respecto doutras aplicacións desenvolvidas por esta multinacional que centra a súa actividade na prestación de recursos e servizos para explotacións de vacún de leite.

O enxeñeiro agrónomo Germán Martínez, que é presidente de Kubota España e vicepresidente de Ventas da División de Tractores Kubota en Europa, dará continuidade á primeira quenda de intervencións deste foro coa charla ‘Exemplos de innovación de kubota para o futuro sostible da agricultura’, na que avanzará algunhas das últimas achegas nas que está a traballar esta multinacional con sede en Xapón.

A segunda xornada deste ciclo sobre robótica agroforestal e gandeira céntrase no labor que desenvolve a comunidade científica. Así, os investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Dionisio Andújar e Ángela Ribeiro, ofrecerán o 12 de xullo cadanseu relatorio baixo o títulos ‘Robots intelixentes en Agricultura. O futuro xa está aquí’ e ‘Cultivando con datos: cara a agricultura robótica de precisión’.

Inscrición

O prazo de inscrición nestas xornadas permanece aberto ata o 11 de xullo na  páxina web https://roboticalugo.com, onde as persoas interesadas poden formalizar de balde a súa participación nun evento que xa contabiliza un elevado número de participantes. O aforo é limitado e as persoas que o soliciten recibirán o seu corresponde diploma de asistente ao remate das xornadas.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2022.