Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría aborda no Courel o problema dos incendios e debate solucións para o territorio calcinado

Imaxe de lapas do incendio rexistrado no Courel en xullo
Imaxe de lapas do incendio rexistrado no Courel en xullo
O Roteiro de outono programado pola Comisión de Normalización Lingüística da EPSE para o 23 de outubro pretende avanzar no deseño dun novo futuro do territorio courelá ademais de acadar unha visión coral sobre a problemática dos incendios
Lugo

Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC cítanse o vindeiro 23 de outubro no Courel para abordar sobre o terreo a problemática dos incendios, ademais de para analizar e propoñer alternativas e oportunidades de futuro para a ampla extensión da serra courelá que asolada polas lapas o pasado mes de xullo.

A xornada ‘O Courel: e agora que?, promovida pola Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría no marco do seu Roteiro de outono, antóllase como un foro de análise e debate sobre a problemática dos incendios forestais, pero tamén como unha oportunidade para comezar a analizar e debater posibles solucións e alternativas de futuro para a extensa superficie de territorio asolado polas lapas o pasado mes de xullo.

O profesor e investigador do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián acompañará aos 25 estudantes e docentes que xa formalizaron a súa inscrición para participar neste roteiro por algunhas das áreas queimadas durante o desastre natural que provocou un dos maiores incendios da historia de Galicia, un episodio durante o que arderon máis de 11.000 hectáreas de superficie que se estende polos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón e Quiroga.

Os incendios constitúen xa unha realidade coa que nos afixemos a convivir, sinala a profesora María do Mar Pérez Fra, para quen as imaxes do Courel ardendo ou da aldea do Vilar calcinada aínda perduran na memoria como un dos desastres patrimoniais máis relevantes, pois “ardeu unha das nosas xoias naturais”, mantén. Daquela, contraria a asistir pasivamente a estes ciclos periódicos de lumes, esta investigadora da EPS de Enxeñaría do Campus Terra defende esta actividade formativa e de sensibilización social, como unha boa oportunidade para achegarse á realidade dos incendios forestais sobre o terreo, ademais de para coñecer e debater sobre as posibilidades de rexeneración dos solos e mesmo respecto das oportunidades de reactivación económica dunha contorna asolada polas lapas.

O programa da xornada ‘O Courel: e agora que? comezará o 23 de outubro, a partir das 9.00 horas, coa saída do autobús que trasladará a expedición universitaria ata a serra courelá, onde, entre outras áreas, tamén está previsto realizar unha visita guiada á Devesa da Rogueira.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2022.