Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría avanza nunha innovadora tipoloxía de construción de peiraos co sistema Pilote-Lámina

Sistema Pilote-Lámina construído no porto de Vilanova de Arousa
Sistema Pilote-Lámina construído no porto de Vilanova de Arousa
O enxeñeiro civil Emilio García García presenta na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Gregorio Iglesias e Alberte Castro, un novo tipo de obra de atraque e amarre baseada na flexión ofrecida polos pilotes e na tracción que exercen as láminas
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC desenvolve unha innovadora tecnoloxía de construción de peiraos baseada no sistema pilote-lámina, tal e como se recolle na tese de doutoramento ‘Presentación e análise de viabilidade dunha nova tipoloxía de peirao: o pilote-lámina’, que vén de presentar no centro universitario lugués o xefe de departamento de Servizos Portuarios da Autoridade Portuaria da Coruña, Emilio García García.

Na súa investigación de doutoramento, dirixida polos profesores Gregorio Iglesias Rodríguez e Alberte Castro Ponte, este enxeñeiro civil presenta a nova tipoloxía de obra de atraque e amarre denominada sistema Pilote-Lámina e explica as chaves desta tecnoloxía innovadora baseada no funcionamento conxunto de pilotes e de elementos tipo lámina.

A nivel estructural, segundo detalla Emilio García na súa tese de doutoramento, a resposta desta nova tecnoloxía de construción de peiraos recae sobre os cometidos específicos de cada un dos seus dous elementos. Daquela, explica, os pilotes traballan fundamentalmente a flexión e as láminas, a tracción. Este labor complementario permite optimizar e aproveitar ao máximo as propiedades mecánicas dos mateirais constitutivos do pilote-lámina.

Unha vez analizada a viabilidade desta nova tipoloxía de construción de peiraos desde diferentes perspectivas e puntos de vista directamente relacionados con cuestións funcioanis, procedementos construtivos, custe económico, efectos e impactos medioambientais, as conclusións acadadas por Emilio García García na súa tese de doutoramento convidan a seguir a traballar para avanzar e perfeccionar o desenvolvemento de este innovador sistema, que se antolla como unha tecnoloxía acaída para a construción de peiraos.

Tribunal de tese e cualificación

O profesor do Departamento de Construción e Enxeñaría da Fabricación da Universidade de Oviedo, Mario López Gallego, presidiu o tribunal da tese de doutoramento presentada por Emilio García García. O profesor de Enxeñaría Mecánica da Universidade de Vigo Carlos Pérez Collazo, e a profesora de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na EPSE da USC, Mariluz Gil Docampo, que actuou como secretaria, completaron un comité avaliador que outorgou a máxima cualificación de sobresíante cum laude a esta investigación de doutoramento.

Presentación da tese de doutoramento desenvolvida por Emilio García na EPS de Enxeñaría
Presentación da tese de doutoramento desenvolvida por Emilio García na EPS de Enxeñaría
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2023.