Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría comeza o proceso de acreditación EUR-ACE® dos graos en Enxeñaría Forestal e Civil e do máster en Montes

Membros da comisión de avaliación para a acreditación EUR-ACE®, co director da EPS de Enxeñaría da USC
Membros da comisión de avaliación para a acreditación EUR-ACE®, co director da EPS de Enxeñaría da USC
Unha comisión externa supervisa desde hoxe as titulacións do centro lugués e emitirá este mércores o seu informe provisorio ao Instituto da Enxeñaría de España

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC comezou este mércores o proceso de acreditación europea EUR-ACE® para os seus títulos de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Civil, así como do máster en Enxeñaría de Montes. A comisión externa encargada de desenvolver os traballos de avaliación e supervisión destes títulos comezou este mañá os seus traballos con diversas xuntanzas cos responsables académicos de cada título, unhas xuntanzas de traballo nas que tamén participaron o director da EPS de Enxeñaría, así como outros membros do equipo de dirección do centro.

O director da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC expresou a súa confianza en superar con éxito o proceso de acreditación europea EUR-ACE®, un procedemento que comezou este mércores cun acto de benvida á comisión de avaliación externa no que participaron o vicerreitores de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa; a vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo e de Organización Académica, Montserrat Valcárcel e Celia Besteiro, respectivamente; a xefa da Área de Calidade e Mellora dos Procedementos, Pilar García, así como o equipo de dirección da EPS de Enxeñaría e os adxuntos á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, Jesús Varela e Elvira López Mosquera.

O vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijoo Costa, salientou neste acto que a nutrida presenza institucional da USC nesta sesión de benvida á comisión de avaliación externa reflicte o total apoio do equipo de goberno da institución académica compostelá a EPS de Enxeñaría neste proceso cara a acreditación EUR-ACE®. A superación con éxito deste procedemento de certificación de calidade no contexto europeo faría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo o primeiro centro universitario da USC e tamén do Sistema Universitario Galego en contar coa acreditación EUR-ACE®, sinalou Tomás Cuesta.

O sistema de acreditación EUR-ACE®, promovido a finais de 2017 polo Instituto de Enxeñaría de España é un proceso de avaliación das titulacións do eido da enxeñaría cuxo procedemento para as candidaturas que o soliciten vai en parello cos da Aneca. O obxectivo fundamental desta iniciativa europea é o de garantir que calquera programa de estudos superiores de enxeñaría se axuste e cumpra cos estandares de calidade e coa adecuación ás necesidades dos sectores profesionais determinadas pola European Network for Acreditation of Engineering Education, ENAEE.

A acreditación EUR-ACE® constitúe pois unha iniciativa orientada a promover a mobilidade dos titulados universitarios en enxeñaría e a favorecer o recoñecemento e das súas competencias profesionais no contexto europeo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2018.