A EPS de Enxeñaría cultiva solidariedade e cede a produción hortícola da leira de prácticas ao Banco de Alimentos de Lugo
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC cultiva tamén solidariedade e cede as producións hortícolas obtidas na súa leira de prácticas ao longo do último curso ao Banco de Alimentos de Lugo, entidade coa que mantén este tipo de colaboración altruísta desde hai xa varios anos.
A colleita de hortalizas (patacas, tomates, pementos, coliflor, repolo) obtida logo das clases prácticas realizadas polo alumnado do grao en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria na finca que a EPS de Enxeñaría dispón no polígono de Sanfiz, permitiu aos colaboradores do Banco de Alimentos de Lugo recoller preto dunha tonelada de alimentos frescos que logo repartirán entre as persoas usuarias desta entidade, segundo informou a directora do centro universitario lugués, Rosa Romero.