Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría estuda colaboracións de investigadores de Bosnia para avanzar no control da ‘Globodera spp’

Imaxe de plantas arbustivas afecatas polo nematodo 'globodera spp'
Imaxe de plantas arbustivas afecatas polo nematodo 'globodera spp'
Tres profesores da universidade de Banja Luka, en Bosnia-Herzegovina, completan unha estadía no Campus Terra ao abeiro do programa Erasmus para intercambiar coñecementos e técnicas de diagnóstico e control no eido da sanidade vexetal, propagación de plantas e análises de datos biométricos con aplicacións na agricultura
Lugo

O grupo de investigación en Viticultura e Sanidade Vexetal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC explora posibles colaboracións con investigadores da Universidade de Banja Luka, en Bosnia-Herzegovina, para activar novas liñas de investigación sobre técnicas de diagnóstico e control sobre nematodos de quiste da pataca (Globodera spp). A posibilidade de establecer estas liña de cooperación internacional comezou a fornecerse durante a recente estadía realizada  por tres investigadores bosnios ao Campus Terra ao abeiro do programa Erasmus+ ICM KA107, segundo explica a profesora do Departamento de Produción  Vexetal da USC e coordinadora do grupo GI1988: Viticultura e Sanidade Vexetal.

Cristina Cabaleiro sinalou neste senso que o profesor e investigador da Universidade de Banja Luka Brainmir Nježić, un fitopatólogo especializado en nematoloxía agrícola, aproveitou a súa estadía na sede universitaria para coñecer as liñas de investigación que se están a desenvolver no eido da sanidade vexetal, ao tempo que ofreceu diversos relatorios centrados na actividade investigadora que realiza desde a súa universidade de procedencia.

O control biolóxico de pragas mediante nematodos entomopatóxenos, un campo no que o doutor Nježić acumula xa unha dilatada experiencia no emprego desta técnica, centrou unha das charlas ofrecidas por este investigador de Bosnia-Herzegovina, quen espuxo ante os colegas docentes do Campus de Lugo as súas liñas de traballo e tamén os resultados acadados no control da couza do buxo (Cydalima perspectalis), un lepidóptero invasor con importante presenza desde hai anos en parte da vexetación arbustiva do Campus de Lugo, indicou Cabaleiro.

Outra das sesións expositivas ofrecidas por este fitopatólogo xirou arredor das técnicas de diagnóstico e control dos nematodos de quiste da pataca (Globodera spp), unha liña de traballo na que o grupo de investigación que coordina Cabaleiro Sobrino xa desenvolveu varias investigacións e que podería recuperar no futuro de acadar financiamento ao abeiro dun proxecto transnacional. A profesora da EPS de Enxeñaría xustificou o interese de avanzar no estudo da Globodera spp na dificultade da erradicación deste nematodo, cuxa aparición comeza nas raíces das plantas de pataca pero logo permanece no terreo, o que complica a súa erradicación.

A profesora da área de Sanidade Vexetal da USC aproveitou a estadía deste investigador da Universidade de Banja Luka para poñelo en coñecemento doutras actuacións que se están a desenvolver en Galicia co obxectivo de controlar este nematodos con incidencia agrícola.

Outras liñas de traballo

O doutor Brainmir Nježić recalou no Campus de Lugo da USC acompañado doutros dous investigadores da Universidade Banja Luka. De feito, o profesor da área de Biometría da citada universidade de Borut Bosancic mantivo durante a súa estadía no Campus de Lugo diversas sesións de traballo na Facultade de Ciencias en colaboración co profesor da área de Estatística Luis Ramil Novo. O profesor visitante aproveitou a súa estadía no centro universitario lugués para expoñer algúns dos aspectos clave da investigación que desenvolve e que se centra na aplicación de técnicas estatísticas de meta-análises aos ámbitos das ciencias agrícolas e da alimentación.

Asemade, a profesora Svjetlana Zeljković, da Facultade de Agricultura da Universidade de Banja Luka, que estivo acompañada no Campus de Lugo polo profesor da USC na EPS de Enxeñaría Juan Luis Fernández Lorenzo, aproveitou a súa estadía na aprendizaxe de novas técnicas de microenxertos e de micropropagación de plantas, especialidades nas que esta investigadora serbia ve a sede universitaria luguesa como referente.

 

Brainmir Nježić (primeiro pola esquerda) e Cristina Cabaleiro, con outros investigadores
Brainmir Nježić (primeiro pola esquerda) e Cristina Cabaleiro, con outros investigadores
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2022.