A EPS de Enxeñaría experimenta co proxecto Life Silfore a rexeneración do monte para facelo máis produtivo
O grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC avanza na experimentación con distintos métodos de introdución de especies animais e vexetais para a rexeneración do monte e a prol dunha maior resiliencia ao cambio climático das masas forestais no marco do proxecto Life Silfore, un programa internacional liderado polo Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) que contempla intervencións en distintos puntos de Galicia. Este programa europeo conta cun financiamento de preto de 2,6 millóns de euros e esténdese ata 2027.
O Life Silfore, no que tamén participan como socios o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario do Principado de Asturias, desenvolverá unha rede de demostradores cunha extensión de ducias de hectáreas en Portugal, Galicia, Asturias e Euskadi. A ampla superficie do territorio sobre a que prevé actuacións o Life Silfore inclúe unha gran parte da variedade ecolóxica dos bosques das zonas atlánticas-subatlánticas e socioeconómicas.
O grupo de Sistemas Silvopastorais da USC desenvolve as accións proxectadas en Galicia, realizando diversos ensaios de prácticas silvopastorais que mesturan a produción forestal co uso gandeiro. Segundo explica a catedrática de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE Rosa Mosquera Losada, en Quiroga (Lugo) está a experimentarse “a introdución no monte de especies medicinais e de castiñeiros, empregando distintas doses de acolchado e fertilizante como esterco de coello e de cabalo mesturado con leguminosas”. Os primeiros resultados mostran que mellora o crecemento dos castiñeiros “cando se aplican os tratamentos”.
En Osmos (Abegondo, A Coruña), en colaboración con Asoporcel, estase a probar a introdución de gando porcino nun souto de castiñeiros, en concreto porco celta. E en Poso (Cervantes, Lugo) estase a experimentar cunha sementeira de herba para promover o crecemento dunha pradeira na que se poida introducir gando vacún e cabalar en colaboración cun gandeiro local e coa cooperativa A Carqueixa, que comercializa carne de vacún dos Ancares Lugueses. Outra das ideas nas que se está a traballar é o pastoreo do gando con colares que controlarían o seu desprazamento cun sistema GPS.
Con estes ensaios, o equipo que coordina Rosa Mosquera Losada busca, entre outros obxectivos, transformar masas forestais sen tratar, de baixa calidade madeireira e necesitadas de actuacións tanto para estabilizar as producións como para mellorar a súa calidade. Para iso impleméntanse na área obxecto de ensaio sistemas agroforestais que permiten ampliar o abano de usos do territorio e a diversificación de ingresos, ademais de reforzar a protección da súa diversidade e reducir o risco ou, no seu caso, a incidencia de posibles lumes forestais.
A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPSE salientou xa no comezo do proxecto o impacto sobre o territorio que provocará o Life Silfore. De feito, prevé que as actuacións programadas permitirán reducir o volume de biomasa combustible entre un 40 e un 60%. Estas estimacións implican tamén un menor risco de incendios forestais e a diminución da pegada de carbono nas explotacións gandeiras, engade a catedrática da USC, para quen o proxecto contribuirá a aumentar a diversidade de especies arbóreas con distintas tolerancias a secas, o que mellorará a súa estabilidade, ao tempo que reducirá a expansión de enfermidades que afectan as árbores e garantirá así a achega de servizos ecosistémicos e o desenvolvemento da economía rural e local.
Cambio climático, bosques e rendibilidade
O cambio climático está a provocar efectos prexudiciais importantes nos bosques europeos e os incendios forestais supoñen unha ameaza crecente que en 2021 afectou a unha superficie estimada de 340.000 hectáreas da Unión Europea. Ante esta realidade, o Life Silfore xurde coa ambición de demostrar o aumento da resistencia dos bosques ante os efectos do cambio climático a través da implementación de prácticas silvopastorais que posibilitan aproveitamentos madeireiros e de produción animal.
O pastoreo pode achegar beneficios á produción forestal coa fertilización dos solos, e a maior superficie destinada ao pastoreo pode aumentar o grao de autonomía forraxeira e a diversidade da dieta dos animais, o que reduce os gastos de alimentación. Ademais, os ensaios en Galicia realízanse con animais de razas autóctonas ben adaptadas ao medio.
Life Silfore terá un impacto positivo para o conxunto da sociedade, xa que os bosques ocupan aproximadamente o 30% da terra e actúan como depósitos de biodiversidade, regulan o fluxo de auga e a protección contra a erosión do solo. O proxecto posibilita así mesmo mellorar a rendibilidade económica, social e ambiental dos bosques á vez que se aumentan as ganancias dos habitantes da contorna rural creando emprego, loitando contra o despoboamento das zonas rurais, diminuíndo o risco de incendios e abaratando os custos de mantemento.