Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría de Lugo avanza na mellora dos sistemas de control ambiental en explotacións intensivas de cría de porcino

Roberto Besteiro  Doval, entre Dolores Fernández e Manuel Ramiro Rodríguez, na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo
Roberto Besteiro Doval, entre Dolores Fernández e Manuel Ramiro Rodríguez, na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo
O enxeñeiro agrónomo Roberto Besteiro Doval define na súa tese, dirixida por Manuel Rodríguez e Dolores Fernández, os niveis de actividade en leitóns destetados

A mellora e, se cabe, a optimización dos sistemas de control ambiental en explotacións intensivas de cría de porcino centra o obxectivos da tese de doutoramento que vén de defender este xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC o enxeñeiro agrónomo corgués Roberto Besteiro Doval baixo o título ‘A actividade animal para a mellora do benestar e das eficiencias enerxética e produtiva en explotacións intensivas de produción de leitón’.

Besteiro Doval aborda nesta investigación, dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez e Dolores Fernández Rodríguez, o estudo dos niveis de actividade en leitóns destetados durante dous ciclos completos de cría nunha explotación intensiva comercial. Este traballo de campo fixo posible a definición e o establecemento dunha variable axeitada para incluír en sistemas de control ambiental como indicador do estado sanitario dos animais e da dinámica de certas variables ambientais.

O emprego de modelos de predición e doutros sistemas que consideren a actividade animal en algoritmos de anticipación de control ambiental permitirá nun futuro, segundo subliña este investigador formado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, acadar unha xestión óptima dos sistemas de climatización.

A mellora dos dispositivos de control ambiental e a optimización da súa xestión en explotacións de gando vivo faría posible avanzar cara a consecución de dous dos principais desafíos do sector e da sociedade en xeral, tal e como o son o respecto polo medio ambiente e o benestar dos seus animais, conclúe Besteiro Doval.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da USC Francisco Maseda Eimil presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Roberto Besteiro Doval, un xurado do que tamén formaron parte o profesor da Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Viana do Castelo) Joaquim O. Lima Cerqueira, e o profesor da Universidade de Valencia Salvador Calvet Sanz, e que outorgou a máxima cualificación académica ao autor desta investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2018.