A EPS de Enxeñaría de Lugo celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia coa xornada ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC celebrará o vindeiro 11 de febreiro as xornadas ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’, un foro orientado a facer visible o relevante cometido desenvolvido polas mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos organizado en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
A xornada ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’ está estruturada nunha mesa de debate que se celebrará en quenda de mañá, a partir das 10.00 horas, na sala de xuntas do centro universitario lugués, baixo o lema ‘Visibilizando referentes, promovendo vocacións femininas’. Esta sesión, aberta á participación de todo o mundo e de inscrición gratuíta no enderezo electrónico www.usc.es/oix , estará moderada pola profesora e coordinadora da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, Ana Isabel García Arias.
Xunto con García Arias intervirán como relatoras catro mulleres científicas con protagonismo de seu, tal e como o son a profesora e investigadora do Departamento de Química Inorgánica da USC Isabel Fernández García; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia; Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC e a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadores e Tecnólogas de Galicia (Amit Gal), Ana Jesús López Díaz.
Este evento de carácter científico servirá asemade para a presentación dunha nova iniciativa promovida desde a EPS de Enxeñaría do campus de Lugo para favorecer o achegamento das rapazas ás titulacións universitarias de perfil técnico e científico e que se desenvolverá baixo o título ‘ Protagonistas, as enxeñeiras’.