Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría propón incluír máis de 60 especies no futuro banco de xermoplasma da Serra do Xurés

Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
A análise técnica solicitada pola Consellería de Medio Ambiente ao grupo de Antonio Rigueiro e Juan Luis Fernández recomenda a conservación de 41 taxóns de especies e subespecies de interese, 14 árbores pouco abundantes e outras seis especies o formacións arbóreas xa catalogadas de senlleiras
Lugo

O banco de xermoplasma proxectado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para o ámbito do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés debería contemplar, cando menos, a conservación de máis de 60 especies, segundo se recolle no informe de viabilidade técnica elaborado polo coordinador do grupo de investigación en Sistemas Silvopastorais da USC, Antonio Rigueiro,  e polo xefe do Laboratorio de Multiplicación Vexetativa e Conservación de Recursos Xenéticos e tamén integrante deste mesmo equipo de investigación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, Juan Luis Fernández.

O estudo de viabilidade técnica dun banco de xermoplasma para a parque natural Baixa-Limia-Serra do Xurés encomendado á EPSE da USC pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia recomenda incluír no futuro banco de xermoplasma 41 taxóns (grupos dunha clasificación científica), entre especies e subespecies, con interese para a conservación; 14 árbores que non son abundantes, a fin de que se conserve o acervo xenético das especies da zona para poder facer plantacións con material propio da mesma área  e evitar a posible contaminación xenética, e 6 árbores ou formacións incluídas no catálogo galego de árbores senlleiras (3 castiñeiros ou formacións de castiñeiros e 3 carballos ou formacións de carballos).

A relación de taxóns de interese que os investigadores da EPS de Enxeñaría da USC recomendan conservar inclúen 17 especies ou subespecies xa contempladas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Destas, seis atópanse en perigo e 11 teñen a consideración de vulnerables, segundo sinala Antonio Rigueiro. O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC explicou neste senso que as especies ou subespecies en perigo son: Iris boissieri, considerada en perigo crítico pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), Armeria humilis (subespecie humilis), Armeria humilis (subespecie odorata), Klasea legionensis, Eryngium duriaei (subespecie juresianum), e Eryngium viviparum.

Ámbito de actuación

O documento científico-técnico elaborado pola USC, cuxo ámbito de actuación abranguería, ademais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, a Zona Especial de Protección das Aves (ZEPA) Baixa Limia-Serra do Xurés, a Zona Especal de Conservación (ZEC) Baixa Limia, A ZEC Veiga de Ponteliñares e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, recomenda incluír no futuro banco de xermoplasma especies arbóreas autóctonas tales como a sobreira (Quercus suber), a aciñeira (Quercus ilex), o mostallo (Sorbus aria), o chopo temblón (Populus tremula) o loureiro (Laurus nobilis) e o teixo (Taxus baccata).

Respecto dos exemplares ou formacións arbóreas xa cualificadas de senlleiras, a citada análise de viabilidade técnica apunta a necesaria conservación do Castiñeiro de Peninvello (Xinzo de Limia), a Carballa da Rocha (Rairiz de Veiga), o Carballo grande de Reboreda (A Porqueira), o Castiñeiro de Pexeiros (Os Blancos), os Castiñeiros dos Blancos (Os Blancos) e os Carballos da Praza do Campo de Bande (Bande).

O proxecto de creación dun banco de xermoplasma para o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés é, na opinión de Antonio Rigueiro, unha iniciativa axeitada que, se cabe, adquire especial relevancia trala vaga de lumes que afectou algunhas das zonas de maior importancia medioambiental desta zona. Alén destas particularidades, Rigueiro a extrapolación destes proxectos a todas as localizacións de interese, xa que a xeneralización de bancos de xermoplasma permitiría, ademais de mitigar os riscos de contaminación xenética, priorizar a conservación das especies ameazadas e a restauración das áreas incendiadas con material xenético de cada zona.

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC entende asemade que os bancos de xermoplasma, concibidos como repositorios xenéticos que requiren dun importante labor de supervisión, vixilancia e mantemento, a fin de garantir que todas as sementes se manteñan activas para a súa posterior xerminación, deberían complementarse con áreas de cultivos vivos. Esta sorte de ‘hortos’ ou plantacións permitiría, ademais de dispoñer de material vexetal vivo e apto para labores de reforestación ou plantación, ao tempo que facilitaría e axilizaría os traballos de reposición, xa que “non sempre é doado nin posible rescatar este material”, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2020.