Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría reivindica a mobilidade “eficiente e sostible” do tren nunha xornada sobre infraestruturas ferroviarias

Participantes nas xornadas sobre infraestruturas ferroviarias celebradas na EPS de Enxeñaría
Participantes nas xornadas sobre infraestruturas ferroviarias celebradas na EPS de Enxeñaría
Ineco aposta polo Campus de Lugo como polo de atracción e captación de talento, sinala a xerente de Proxectos e Innovación da compañía de enxeñaría e consultoría de referencia en mobilidade e transformación dixital, Ana Rodríguez Aranegui, na apertura dun foro con estudantes e docentes do grao en Enxeñaría Civil da USC
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC reivindica a mobilidade “eficiente e sostible” do tren fronte a outros medios de transporte, segundo manifestou a directora do centro universitario lugués, Rosa Romero, na apertura da xornada ‘Optimización aplicada ao deseño de infraestruturas ferroviarias’, un programa dirixido a estudantes do grao en Enxeñaría Civil e a profesionais do sector, organizado en colaboración con Ineco, ADIF e a Deputación Provincial de Lugo, indicou o profesor da área de Matemática Aplicada da USC, Gerardo Casal.

A xerente de Proxectos e Innovación de Ineco, unha compañía de enxeñaría e consultoría de referencia en mobilidade sostible e transformación dixital, Ana Rodríguez Aranegui, sinalou na súa intervención que a celebración deste foro encádrase no marco do convenio asinado entre Ineco e a USC para o desenvolvemento de solucións apropiadas para a mellora dos trazados ferroviarios, ao tempo que destacou a aposta que está a facer esta compañía internacional por Lugo e polo seu campus como polo de atracción e captación de talento.

A psicóloga e especialista en formación e xestión de talento do grupo Ineco,  María Sánchez Valdepeñas, abriu a quenda de relatorios do programa cunha presentación das liñas de actividade e da dimensión transversal do grupo empresarial Ineco. Ao remate da súa intervención, o enxeñeiro de Camiño, Canais e Portos de Ineco, ademais de especialista en trazado ferroviario, Ignacio González Benito, ofreceu a charla ‘Trazado ferroviario en fase de proxecto (Ineco)’. O enxeñeiro Civil e enxeñeiro técnico en Topografía Miguel Prado Penas, que está especializado en execución de obras de infraestruturas lineais, pechou a primeira quenda de intervencións cunha exposición sobre a execución en obra dos proxectos de trazado ferroviario.

Os profesores da USC Alberte Castro Ponte, da Área de Enxeñaría e Infraestrutura do Transporte da USC, e Miguel E. Vázquez Méndez, do departamento de Matemática Aplicada, puxeron o colofón ao programa matinal cunha sesión explicativa sobre as técnicas de optimización no deseño automático de infraestruturas lineais e as súas aplicacións en trazados ferroviarios.

A xornada sobre infraestruturas ferroviarias organizada desde a EPS de Enxeñaría da man de Ineco tivo continuidade en quenda de tarde cunha visita de obra á liña ferroviaria que conecta Monforte de Lemos e Ourense, a través da que todas as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer os labores de rehabilitación e mellora que está a desenvolver ADIF.

Ana Rodríguez Aranegui, Rosa Romero e Gerardo Casal, na inauguración do programa organizado xunto con Ineco
Ana Rodríguez Aranegui, Rosa Romero e Gerardo Casal, na inauguración do programa organizado xunto con Ineco
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2023.