Ir o contido principal

A EPS inicia o luns o primeiro curso internacional sobre sistemas agroforestais ao amparo do programa Erasmus

É a primeira vez que se celebra un encontro destas características en Europa

O luns dará comezo no Campus de Lugo o I Curso Internacional Avanzado de Sistemas Agroforestais, que se organiza ao amparo do programa Erasmus na Escola Politécnica Superior. É a primeira vez que se celebra un curso destas características en Europa e foi a Universidade de Santiago, e concretamente a EPS, a que obtivo por concurso a coordinación desta actividade, que está financiada con fondos Europeos e organizada coa colaboración da Consellaría de Medio Rural. Os profesores de Lugo Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro son os encargados da súa organización.
A inauguración oficial do mesmo terá lugar o luns 31 ás 12:00 horas, presidida polo vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, acompañado polo voceiro do Concello de Lugo, José Rábade Arias; o director da EPS, Javier Bueno; os investigadores e organizadores do curso Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, e os investigadores americanos Ramachandran P.K. Nair e a súa dona Vimala Nair.
O curso dura tres semanas, as dúas primeiras terán lugar no Campus lugués e a terceira en Estremadura, onde os alumnos poderán visitar un dos sistemas agroforestais máis destacados, a dehesa.
Participan un total de 32 alumnos e máis de vinte profesores seleccionados en universidades de Suíza, Alemaña, Irlanda, Reino Unido, Italia, Grecia, Portugal e Túnez. En España participan tamén alumnos de Oviedo e Estremadura, ademais, dos da USC.
O encontro tratará sobre a utilización de sistemas agroforestais a escala europea para o manexo sostible do territorio. Centraranse principalmente nos sistemas silvopastorais. Durante o mesmo combinaranse as clases teóricas con visitas técnicas rematando cunha sesión de proba final por videoconferencia.
O curso estará impartido por especialistas de varios países europeos e doutros continentes, entre os que se atopa o director do Center for Subtropical Agroforestry (University of Florida) e experto en agronomía e edafoloxía, Ramachandran P.K. Nair, que recibirá en datas próximas o doutorado honoris causa da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2008.