Ir o contido principal

A EPS de Lugo organiza unha xornada de portas abertas para dar a coñecer a súa titulación de Xeomática e Topografía

Grupo de alumnos de secundaria que participaron na xornada de portas abertas que a EPS de Lugo organizou para dar a coñecer o seu grao de Enxeñería en Xeomática e Topografía
Grupo de alumnos de secundaria que participaron na xornada de portas abertas que a EPS de Lugo organizou para dar a coñecer o seu grao de Enxeñería en Xeomática e Topografía
Un grupo de alumnos de bacharelato asistiron a unha charla sobre as saídas profesionais deste grao e realizaron actividades prácticas co material do centro

A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo celebrou unha xornada de portas abertas que, baixo a denominación ‘Xeomática, profesión de futuro’, tiña como obxectivo divulgar entre o alumnado de secundaria as ensinanzas relacionadas con esta disciplina que se imparten no centro. As actividades comezaron no Salón de Actos do centro, onde o director da EPS, Javier Bueno, recibiu os arredor de corenta estudantes de ensino medio procedentes de varios institutos da capital lucense que participaron na actividade. Nese acto de benvida, o profesor da EPS Jaime Rodríguez Pereña realizou unha presentación sobre as posibilidades da Xeomática como profesión de futuro. A visita continuou no laboratorio de Topografía, onde os estudantes se dividiron en dous grupos para realizar dúas actividades interactivas: manexo de navegadores GPS en campo e visión en 3D nas computadoras da aula de informática. A continuación, os navegadores GPS guiaron os estudantes polas instalacións do centro e do Campus, onde visitaron a Biblioteca Intercentros e as instalacións do Sistema de Información Territorial (SIT) ubicado no edificio CACTUS. No SIT asistiron a unha demostración de ferramentas avanzadas para a realización de traballos topográficos, como a utilización de láser escáner ou helicópteros por radiocontrol. Tras as demostracións, os estudantes regresaron ao Salón de Actos, onde se lles fixo entrega da documentación informativa sobre a titulación de grao en Enxeñería en Xeomática e Topografía e sobre o máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio que se imparten no centro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2012.