Ir o contido principal

A EPS de Lugo participa na recompilación dos traballos editados en España sobre modelos de crecemento forestal

Unha das parcelas permanentes de experimentación empregadas para a elaboración dos modelos de crecemento
Unha das parcelas permanentes de experimentación empregadas para a elaboración dos modelos de crecemento
A publicación está realizada conxuntamente pola Universidade de Valladolid, o INIA e a Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior

A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior de Lugo participou no traballo de recompilación de todos os traballos sobre modelos de produción forestal publicados en España nos últimos anos. O proxecto coordinouse conxuntamente desde a Universidade de Valladolid, o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e a UXFS, representada polo profesor Juan Gabriel Álvarez González. O resultado final é un libro titulado Growth and yield models in Spain: historical overview, contemporary examples and perspectives, que ademais da súa edición en papel tamén pode consultarse integramente na páxina web do grupo de investigación. Nas súas páxinas preséntase unha revisión sobre os modelos forestais desenvolvidos en España, tanto para a produción madeirable e non madeirable como para simular a dinámica dos bosques en aspectos como rexeneración ou mortalidade. Tamén se repasan os factores fundamentais que regulan os procesos de crecemento e demográficos incluídos nos modelos presentados, con especial énfase na produtividade, a densidade e a competencia. Así mesmo, descríbense as principais redes de datos dispoñibles no sector e realízase unha análise das perspectivas e necesidades que se deben atender para mellorar os coñecementos neste ámbito: integración das diferentes metodoloxías, mellora da avaliación e calibración dos modelos, difusión dos modelos entre os xestores forestais... O libro resulta de especial interese para os investigadores do sector forestal, xa que nun só documento poden atopar información sobre os traballos xa desenvolvidos, categorizados segundo a súa autoría, áreas xeográficas, especies estudadas, modelo ou submodelo empregado (así como a súa validación e calibración), variables analizadas e resultados obtidos. Entre os autores dos traballos recollidos na obra, ademais do propio Juan Gabriel Álvarez González, figuran outros investigadores da EPS como Felipe Crecente Campo, Ulises Diéguez Aranda, Roque Rodríguez Soalleiro ou Alberto Rojo Alboreca, actual coordinador da UXFS. O traballo desenvolvido neste equipo de investigación (recoñecido polo goberno galego como Grupo de Referencia Competitiva do Sistema Universitario de Galicia) é unha das principais razóns pola que a USC se converteu na segunda universidade española con maior produción científica en investigación forestal, só por detrás da Politécnica de Madrid.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2012.