A EPS obtén produtos de calidade para usos agronómicos a partir do aproveitamento de restos verdes e outros materiais residuais
A investigación desenvolvida pola enxeñeira de Montes Iris Estévez Schwarz para mellorar a xestión e a conseguinte valorización dos restos verdes xerados na cidade de Lugo e recollida na súa tese de doutoramento ‘Obtención e valorización dun produto elaborado a partir de estos verdes e outros materias residuais’, co dirixida polos profesores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Socorro Seoane e Avelino Núñez Delgado, posibilitou a obtención dun produto de calidade para usos agronómicos que ofrece mellores resultados que os materiais empregados ata a data en viveiros
A técnica empregada ao abeiro desta investigación é a compostaxe en pilas volteadas e o resultado principal é a obtención de pautas de traballo para a elaboración de produtos con boas calidades para uso agronómico, segundo conclúe Iris Estévez na tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior. A primeira etapa de traballo consistiu na busca e caracterización detallada dos materiais de partida (restos verdes de parques e xardíns obtidos en distintas épocas do ano, cinzas de fitomasa e lamas de EDAR), para logo comprobar a complementariedade dos devanditos materiais para un proceso de compostaxe. Posteriormente, levouse a cabo o estudo do proceso de compostaxe utilizando seis mesturas de distintas proporcións dos materiais de partida, durante un período de seis meses. Periodicamente, en cada pila analizouse a evolución da temperatura, humidade, condutividade eléctrica, pH, potencial redox, carbono, formas de nitróxeno, macro nutrientes, micro nutrientes, elementos potencialmente tóxicos, ácidos fúlvicos e húmicos, para avaliar a influencia da cantidade e composición de cada material de partida no proceso. Sobre a base dos resultados obtidos seleccionáronse as dúas mesturas que permitiron a obtención de compost de maior calidade. Nunha fase posterior, os ensaios de compostaxe repetíronse coas dúas mesturas seleccionadas, para obter dous compost tipo, un de primavera e outro de outono. Neste caso, ademais das determinacións antes indicadas, realizáronse tamén outras que son habitualmente utilizadas, a fin de optimizar a determinación do grao de estabilidade/madureza dos compostaxes, o NMP de E. coli, o tamaño de partícula, a perda de masa e as características das lixiviacións. Unha vez completado todo este laborioso proceso, a enxeñeira Iris Estévez centrou a a súa investigación no estudo da aptitude dos produtos de primavera e outono obtidos como substrato de cultivo para plantas ornamentais en invernadoiro, comprobando que ambos os dous presentaban mellores resultados que os materiais utilizados habitualmente ata a data en viveiros. Tribunal da tese e cualificación A profesora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Esperanza Álvarez Rodríguez presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Iris Estévez Schwarz na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.
María del Carmen Trasar Cepeda, do CSIC; Manuel Arias Estévez e María Elena Benito Rueda, da Universidade de Vigo, e a profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC Elvira López Mosquera, quen actuou en calidade de secretaria do xurado, completaron a composición do tribunal.