Ir o contido principal
  • USC Vida

EPSE, unha escola de enxeñaría con visado internacional

Vista aérea da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo
Vista aérea da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC convértese no primeiro centro universitario de Galicia que acada a acreditación de calidade EUR-ACE® para os cinco títulos habilitantes que imparte logo da concesión deste selo internacional ao grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e ao máster en Enxeñaría Agronómica
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC vén de converterse no primeiro e único centro universitario de Galicia que acada a acreditación de calidade internacional EUR-ACE® para as cinco titulacións habilitantes de enxeñaría que imparte. A concesión do certificado de calidade expedido pola European Network for the Acreditation of Engineering Education (Enaee), en colaboración coa Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca), ao título de grao en Enxeñaría Agricola e Agroalimentaria e ao máster en Enxeñaría Agronómica, sumada ás distincións xa outorgadas por estes organismos internacionais en 2019 aos títulos de grao en Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, así como á titulación de máster en Enxeñaría de Montes, reforzan o prestixio internacional do centro lugués.

A concesión do selo EUR-ACE® aos cinco títulos universitarios de enxeñaría con carácter habilitante que imparte a USC na EPSE do Campus de Lugo constata e garante que estes cinco programas de estudos superiores no ámbito das enxeñarías cumpren cos estándares de calidade e son axeitados para atender e dar resposta ás necesidades dos sectores profesionais determinados por esta rede europea. De feito, esta acreditación internacional recoñece os títulos que cumpren de maneira excelente coas esixencias profesionais da enxeñaría logo de superar un rigoroso proceso de avaliación e  identifica os programas de estudos de enxeñaría de alta calidade en Europa e incluso alén das súas fronteiras, sinala o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta García, quen tamén lembra que o centro lugués conta xa desde 2019 coa acreditación institucional do Ministerio de Universidades do Goberno de España.

O certificado EUR-ACE® abarca todas as disciplinas e perfís da enxeñaría, ao tempo que outorga valor e prestixio internacional aos programas que cumpren os estándares exixidos pola ENAEE, segundo os principios de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior. Esta certificación internacional, engade o profesor Cuesta García, constata tamén que os programas de estudos de enxeñaría, o profesorado, os laboratorios, a formación e as saídas profesionais que favorecen cumpren cos estándares de calidade e coa adecuación ás necesidades dos sectores profesionais a nivel europeo estipuladas pola ENAEE.

Máis que un distintivo

A acreditación de calidade EUR-ACE® está considerada como a distinción máis prestixiosa que un título de enxeñaría habilitante pode recibir en Europa. Este selo ou recoñecemento forma parte do programa Acredita Plus de ANECA, un proceso ao que de maneira voluntaria as titulacións poden solicitar unha avaliación para conseguir o seu recoñecemento internacional.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo,  Montserrat Valcárcel, salientou a importancia desta nova distinción ao Campus de Lugo da USC, ao tempo que trasladou os seus parabéns á comunidade universitaria da EPS Enxeñaría, polo bo traballo desenvolvido durante moitos anos e que permitiron acadar esta acreditación internacional.  

“O feito de ter en Lugo un centro como a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría con cinto títulos acreditados co selo EUR-ACE® é un pulo moi importante para a escola, pero tamén para unha mostra da puxanza da sede universitaria luguesa, que xa é referente nacional e internacional en moitos ámbitos”, sinalou Valcárcel. Este novo emblema constitúe asemade un atractivo engadido para os mozos e mozas que están a decidir o seu futuro académico, engadiu a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, quen tamén fixo fincapé na decidida aposta da USC por ampliar as saídas profesionais e mellorar a empregabilidade dos seus titulados e tituladas.

O director da EPS de Enxeñaría da USC salientou neste mesmo senso que o selo EUR-ACE® non é un simple recoñecemento para a USC nin para o centro docente que imparte os títulos acreditados, senón que tal distinción redunda en beneficio de todo o alumnado que acada o seu título de enxeñeiro, neste caso na EPSE da USC, durante o período de vixencia do Selo. Serán egresados/as EUR-ACE®, precisa Cuesta García, aqueles/as estudantes que completaron o título de grao ou máster desde un ano antes da data de envío da solicitude de avaliación (30 de xaneiro de 2020) do título a ANECA. A titulación destes estudantes conta con recoñecemento a nivel internacional, tanto no plano legal como por parte dos empregadores/as en Europa, o que facilita a súa mobilidade académica e profesional, conclúe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2020.