Ir o contido principal

A EPSE da USC, na directiva da CUIAF

Edificio central da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
Os selos EurAce acreditativos da calidade dos títulos impartidos na USC impulsan o centro lugués dentro da Conferencia de Centros Universitarios de Enxeñarías Agroalimentarias e Forestais
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC pasa a formar parte por vez primeira da xunta directiva da Conferencia de Centros Universitarios de Enxeñarías Agroalimentarias e Forestais (Cuiaf) de España grazas ao pulo recibido pola acreditación europea da calidade dos seus títulos coa obtención do selos EurAce, así como polos postos de liderado que ocupan nas diversas clasificacións nacionais os estudos de grao e máster nos ámbitos agronómicos e forestal que se imparten no centro universitario lugués.

A Conferencia de Centros Universitarios de Enxeñarías Agroalimentarias e Forestais, unha asociación creada no ano 2006 e que reúne a todos os directores/as e decanos/as dos 26 centros do Sistema Universitario Español (SUE) que imparten estudos habilitantes para o exercicio das profesións de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro de montes, enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro técnico forestal, deu a coñecer a renovada composición da súa xunta directiva resultante das votacións celebradas este xoves.

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta García, sinalou que a presenza da EPSE na xunta directiva da Cuiaf supón unha fortaleza engadida para o centro universitario lugués. Cuesta entende asemade que este novo recoñecemento é froito da boa reputación e da calidade da formación impartida na EPSE, que conta con tres títulos de grao e máster xa acreditados polo selo EurAce, mentres qeu outras dúas titulacións están en proceso de acadar esta distinción.

Respecto dos cometidos que desenvolve a Conferencia de Centros Universitarios de Enxeñarías Agroalimentarias e Forestais, Cuesta comentou que os obxectivos desta asociación pasan polo fomento e desenvolvemento de todo aquelo que favoreza a formación integral dos estudantes e a defensa das posicións de interese común dos centros universitarios, de cara á súa transmisión aos poderes públicos e a sociedade. Daquela, a Cuiaf ocúpase do estudo, a reflexión e o análise dos problemas que inciden no ámbito da educación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio das profesións de enxeñaría nos eidos agronómicos e forestal en España.

 

Reunión de membros da Cuiaf
Reunión de membros da Cuiaf
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2020.