Ir o contido principal

Un equipo do CRETUS crearán unha nova narrativa de futuro positivo para a pesca artesanal en Europa

O taller contará con 45 participantes de organizacións nacionais e rexionais da pesca de pequena escala. FOTO: Santi Alvite
O taller contará con 45 participantes de organizacións nacionais e rexionais da pesca de pequena escala. FOTO: Santi Alvite
O taller desenvólvese entre os días 13 e 16 de novembro en Vilanova de Arousa
Santiago de Compostela

O Colectivo Internacional de Apoio aos Traballadores da Pesca (ICSF), a plataforma Low Impact Fisheries of Europe (LIFE) e Mulleres Salgadas (MUS), organizan o ‘Taller Europeo IYAFA: Cara a un Futuro Sostible e Equitativo da Pesca’ entre os días 13 e 16 de novembro en Vilanova de Arousa. O obxectivo do taller consiste en discutir e chamar a atención da pesca de pequena escala e sobre o seu papel crucial como produtores de alimentos a nivel mundial, o cal debe continuar máis aló de FAO-IYAFA 2022.

ICSF é unha ONG internacional que apoia as comunidades pesqueiras e as organizacións de traballadores da pesca, e traballa para lograr pesqueiras equitativas, xustas en canto ao xénero, autosuficientes e sostibles, particularmente no sector artesanal en pequena escala. LIFE é unha plataforma de organizacións de base que representa os intereses de 33 organizacións en 15 Estados membros da UE e asocia a uns 10.000 pescadores artesanais de todas as concas marítimas europeas, desde o Báltico ata o Mar Negro. Mulleres Salgadas é a única asociación rexional de mulleres que traballan no sector pesqueiro en Galicia, e actualmente inclúe máis de 1.500 asociadas.
                    
O taller contará con 45 participantes de organizacións nacionais e rexionais da pesca de pequena escala, redes de mulleres que traballan na pesca, Ong e institucións académicas de 18 países de toda Europa. Dentro do evento, investigadores do equipo EqualSea de CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela (Sebastian Villasante, Ignacio Gianelli, Benjamin Duduoet, Veronica Relano, Gillian Ainsworth e Katina Roumbedakis) e do Centro de Resiliencia de Estocolmo (Laura Pereira e Silvana Juri) facilitarán a co-creación dunha narrativa positiva da pesca en pequena escala na Unión Europea baseadas en visións e iniciativas cara a transformacións sostibles. 

O taller tamén inclúe unha visita guiada para aprender das experiencias dunha organización local de mariscadores dirixida por mulleres. O resto das sesións centraranse no fortalecemento da transición da gobernanza e procesos relacionados, a promoción das capacidades da pesca en pequena escala e organizacións de apoio e creación de alianzas, o futuro papel da muller no sector, e pechará co desenvolvemento colectivo dunha declaración conxunta orientada á acción.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2023.