Un equipo de Dereito proclámase vencedor na I Moot Court
O reitor Antonio López mantivo unha xuntanza este xoves 9 co alumnado da Facultade de Dereito que se proclamou vencedor na I Moot Court da Asociación Española para o Estudo do Dereito Europeo (AEDEUR), celebrada en Madrid, na sede do Tribunal Supremo. Antonio López aproveitou o encontro que se desenvolveu no Colexio San Xerome para darlles os parabéns por obter o primeiro posto nunha competición na que interviñeron 19 equipos de 15 universidades españolas que participaron nunha ducia de vistas celebradas no Consello Xeral da Avogacía Española e no Salón de Plenos do Tribunal Supremo.
O equipo composto por Andrés Vázquez, Irene Fraga, Carmen Castrillo e Eva Carollo, estivo coordinado polo profesor da área de Dereito Internacional Público, Daniel Neira. Á fase final da competición, que persegue fomentar o interese polo mundo do Dereito da Unión Europea entre o alumnado universitario, chegaron os equipos das Universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, que defenderon as posturas do demandante e do demandado ante un tribunal presidido polo presidente da Sala Terceira do Tribunal Supremo, César Tolosa, e integrado ademais polos maxistrados desa mesma sala Pilar Teso e Dimitry Berberoff, pola catedrática de Dereito Internacional Público, Concepción Escobar Hernández, e polo ex xuíz do Tribunal Xeral da Unión Europea, Rafael García- Valdecasas.
Logo da exposición do caso e a posterior deliberación, o tribunal declarou gañador ao equipo da USC. Esta iniciativa conta coa colaboración do Consello Xeral do Poder Xudicial, Consello Xeral da Avogacía Española e as firmas de avogados Uría Menéndez e Garrigues.