Ir o contido principal

O equipo da Facultade de Matemáticas logra unha medalla de prata na Olimpíada Matemática Internacional

Dende a Facultade de Matemáticas da USC sinalan que “os bos resultados obtidos polo equipo poñen de manifesto, ademais das destrezas individuais dos seus estudantes, as súas habilidades para o traballo conxunto”. FOTO: Santi Alvite
Dende a Facultade de Matemáticas da USC sinalan que “os bos resultados obtidos polo equipo poñen de manifesto, ademais das destrezas individuais dos seus estudantes, as súas habilidades para o traballo conxunto”. FOTO: Santi Alvite
A proba consistiu na resolución, por equipos de catro persoas, de dez problemas nun tempo máximo de dúas horas
Santiago de Compostela

O equipo da USC conformado por Héctor Folgar Cameán, Francisco Morales Vidal, Javier Polo Noche e Roi Vence Nogueira acaba de lograr unha medalla de prata na Open Mathematical Olympiad for University Students. A devandita proba consiste na resolución, por equipos de catro persoas, de dez problemas de distintas áreas das matemáticas nun tempo máximo de dúas horas. O certame desenvolveuse de xeito telemático e a organización correu a cargo da International University for the Humanities and Development.

Dende a Facultade de Matemáticas da USC sinalan que “os bos resultados obtidos polo equipo poñen de manifesto, ademais das destrezas individuais dos seus estudantes, as súas habilidades para o traballo conxunto”. Estas habilidades foron parcialmente desenvoltas no seminario de resolución de problemas Sementeira, “onde era frecuente atopar a Héctor, Chisco, Javi e Roi ao longo destes anos discutindo sobre os problemas propostos”, explica a decana Elena Vázquez Cendón. Foi precisamente a Facultade de Matemáticas, xunto coa Asociación Eduardo García-Rodeja, quen impulsou a iniciativa Sementeira, xa hai catro anos. Esta iniciativa está coordinada polos profesores David Mosquera Lois e Daniel Cao Labora.

“Neste tipo de concursos os problemas presentados non obedecen aos estándares”, explican os profesores Mosquera e Cao. “Non se trata tanto de aplicar unha fórmula ou un procedemento xa coñecido para obter un resultado, senón que a resolución de cada cuestión supón un reto e unha exploración dedutiva”, apuntan. Ademais, trátase da primeira vez que a USC participa nunha olimpíada matemática “por equipos” e esperan poder darlle continuidade a este tipo de participacións nos anos vindeiros xa que a valoración do alumnado foi moi positiva.

Profesorado e participantes amosaron a súa gratitude polo apoio da Facultade e a Asociación Eduardo García-Rodeja a Sementeira, así como, singularmente, ao profesor Felipe Gago Couso por ser o impulsor dende hai máis de dúas décadas deste tipo de iniciativas en Galicia e na USC.

O equipo da USC está conformado por Héctor Folgar Cameán, Francisco Morales Vidal, Javier Polo Noche e Roi Vence Nogueira
O equipo da USC está conformado por Héctor Folgar Cameán, Francisco Morales Vidal, Javier Polo Noche e Roi Vence Nogueira
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2022.