Ir o contido principal

O equipo ‘Funtor de Breogán’ representa a USC na primeira edición da Liga Matemática

O equipo da USC durante o partido do pasado venres 20
O equipo da USC durante o partido do pasado venres 20
Organizada pola Asociación Nacional de Estudantes de Matemáticas, a competición está integrada por máis dunha trintena de equipos que se enfrontarán semanalmente ao longo de quince xornadas
Santiago de Compostela

A Liga Matemática é unha iniciativa que organiza por primeira vez este curso a Asociación Nacional de Estudantes de Matemáticas e que consiste nunha competición a nivel estatal, na que participan 31 equipos, entre eles o da USC. A agrupación compostelá está conformada por dez rapaces e tres rapazas de diversos cursos do grao en Matemáticas e dos dobres graos de Matemáticas e Física e Matemáticas e Enxeñaría Informática, previamente seleccionados/as nunhas “batallas matemáticas” desenvolvidas na propia Facultade.

Iván Castro, Ada Domínguez, Carla Dopazo, Diego Fernández, Antón Figueroa, Martín García, Francisco Morales, Ibai Otero, Laura Salgueiro, Yago Sánchez, Pablo Soutullo, Inácio Suárez e Pedro Vidal integran o equipo da USC que debutou o pasado venres 20 e que aínda ten por diante outros catorce partidos de 90 minutos de duración, nos que  cada equipo debe resolver tres problemas. Ademais, Héctor Folgar e Javier Polo Noche son o subdelegado e delegado do equipo, respectivamente. “A nosa función é coordinar o equipo e acordar a data e hora exactas de celebración de cada partido co equipo ao que nos enfrontemos, así como estar en contacto coa organización a nivel estatal e representar ao equipo ante ela, formulando posibles reclamacións, entre outros aspectos”, explican. 

Os equipos están distribuídos en dous grupos: o Abeliano, do que forma parte a USC, e o Boreliano. Os equipos de cada grupo enfróntanse entre si ao longo de quince xornadas con periodicidade semanal ata chegar á final. Os partidos desenvólvense maioritariamente de xeito telemático pola dispersión dos equipos, se ben no caso de lugares nos que participen universidades da mesma cidade (como acontece en Madrid ou Barcelona), os partidos poderanse desenvolver presencialmente. Un equipo gaña cando resolve máis problemas co outro axeitadamente (ou, se os dous os resolven todos, quen o faga máis rápido). Nese caso, o gañador leva 3 puntos e o perdedor, 0. Se hai empate, ambos os equipos levan 1 punto. Ademais, haberá unha fase final presencial que enfrontará aos dous primeiros clasificados de cada grupo ao final do torneo. 

“Os nomes dos equipos adoitan estar compostos dalgún concepto matemático e/ou algunha referencia ao territorio ou universidade de procedencia”, explican dende o equipo da USC que decidiu chamarse ‘Funtor de Breogán’. Ademais, cada equipo ten que propor a unha persoa para formar parte da comisión que elabora os problemas propostos e a outra que arbitre partidos nos que non participe a devandita universidade. No caso da USC, as persoas propostas foron Miguel Picos, investigador do departamento de Matemática Aplicada, e Aldara Suárez, estudante do grao en Matemáticas, respectivamente. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2023.