Ir o contido principal

O equipo de goberno de Campus Mar aprobou na USC a convocatoria de bolsas de máster para a captación de talento

O equipo avoga por impulsar liñas estratéxicas para a capatación de talento, cunha convocatoria específica de bolsas de máster
O equipo avoga por impulsar liñas estratéxicas para a capatación de talento, cunha convocatoria específica de bolsas de máster

O equipo de goberno de Campus do Mar celebrou este luns 23 a súa primeira xuntanza na Universidade de Santiago, nas dependencias do edificio CACTUS en Campus Vida, incluíndo na súa axenda de traballo, entre outros temas, as liñas estratéxicas de captación de talento deste Campus de Excelencia que ten como organismos promotores ás tres universidades galegas, ao CSIC e ao Instituto Español de Oceanografía. Na xuntanza aprobouse a convocatoria de bolsas de máster, coa intención de que se converta nun dos instrumentos centrais no proceso de transformación en Campus de Excelencia Internacional a través da consecución da maior calidade na formación de posgrao, tanto en máster como en doutoramento. En total, para o curso 2011-2012 ofertaranse 35 bolsas para estudantes de calquera lugar do mundo que realicen un máster impartido nalgunha das tres universidades galegas, promotoras do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar. Con esta iniciativa espérase que os estudantes, en función da súa capacitación e formación, poidan converterse en novos investigadores nos diferentes ámbitos da investigación mariña e marítima, adquiridas en calquera das institucións integrantes do Campus do Mar. Ademais, na reunión esbozáronse as bases de novas convocatorias para a organización de eventos internacionais, apoio á elaboración de proxectos e o programa de contratación de tecnólogos. Finalmente, acordouse fomentar e desenvolver accións de proxección internacional, participando en foros e eventos en diferentes ámbitos e áreas xeográficas que permitan promocionar e difundir as accións e actividades do Campus do Mar no exterior. Integrantes do equipo En representación da USC, forma parte deste equipo o director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña da USC, o catedrático Victoriano Urgorri, que dirixe a Área de Proxección Social e Cultura Científica, a encargada de todas as accións transversais destinadas a conectar Campus do Mar co entorno social e achegar o proxecto ao conxunto da sociedade

Xunto ao docente da USC, integran o equipo de dirección o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Emilio Fernández; o profesor de Investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Francisco Gómez Figueiras; o profesor da Universidade da Coruña e actual xestor do Programa Sectorial de Medio Mariño do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, Luis Fernández-Rodríguez; o conselleiro técnico do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, Alberto González-Garcés; a catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez; e a Vicexerente de Internacionalización da Universidade de Vigo, Regina Carreira.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2011.