Ir o contido principal

O equipo de goberno presentou diante do Claustro a situación económica da Universidade cara ao 2010

Para o vindeiro ano, a USC veríase obrigada a prorrogar os orzamentos do ano 2009 “de non producirse unha resposta por parte das autoridades públicas”. Así llo explicou ao Claustro Universitario o vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Miguel Vázquez Taín, que deu conta nun informe da situación económica da institución.
A evolución prevista de ingresos e gastos para 2010 con respecto ao exercicio anterior destaca por unha caída dos ingresos públicos en 13,6 millóns de euros, “feito extraordinario pola contía e porque é a primeira vez que acontece no financiamento universitario”, subliñou Taín. A iso engádense as derivas automáticas dos gastos básicos que medran noutros 6,5 millóns. En conxunto, trátase dun “desequilibrio de algo máis de 20 millóns de euros”.
A USC veríase así obrigada a optar pola prórroga das súas contas ante a imposibilidade de realizar uns orzamentos para o novo exercicio 2010. “Un orzamento que se recortase nos 20 millóns anteriores suporía parar a universidade”, advertiu Taín.
Pero é que ademais esta caída do financiamento universitario non é allea ás outras universidades galegas nin ás do resto do Estado, xa que moitas con maior financiamento público están a prorrogar as súas contas. No caso da USC, matizou, “co agravante de levar anos superando unha grave crise económica e non obstante escalando posicións no contexto universitario español e internacional, tal e como acredita a recente concesión do Campus de Excelencia Internacional”.
Na presentación ao Claustro realizouse unha análise da evolución da situación económica no últimos anos, subliñando o cumprimento pleno dos obxectivos establecidos no Plan de Equilibrio Económico Financeiro, que “permitiron reequilibrar os ingresos e gastos da USC”. Neste senso, o exercicio 2008 –último pechado e auditado- liquidouse “con absoluto rigor” igualando ingresos e gastos sen incorporar necesidades de financiamento ao exercicio seguinte “e incluso pagando 6,5 millóns en amortizacións de débeda e préstamos reintegrables”, engadiu Taín.
O vicerreitor de Economía lembrou a magnitude do desaxuste rexistrado entre os ingresos e gastos desde 2002 e que en 2004, en concreto, ascenderon a 13,5 millóns de euros. Esta situación obrigou á definición dun plan de equilibrio, que permitiu reconducir unha moi grave situación económica “que pode reproducirse en 2010 pola caída dos ingresos da Comunidade Autónoma”, concluíu.
Informe do reitorFoi a situación económica precisamente a que deu comezo ao informe do reitor, que comezou advertindo que a USC “segue cumprindo escrupulosamente co seu compromiso co equilibrio económico e financeiro”. “Non somos nós os que non cumprimos”, engadiu. E logo de agradecer o esforzo de toda a comunidade universitaria neste empeño e no “non menos extenuante” proceso de adecuación ao Espazo Europeo de Educación Superior, o reitor sinalou o recoñecemento do Campus Vida coa Excelencia Internacional como o logro máis importante da USC de 2009.
O incremento do número de estudantes matriculados, as máis de oitenta nacionalidades que estudan na USC, a incorporación de 25 novos graos oficiais, o esforzo en investigación –a USC é, por exemplo, a primeira Universidade española en ingresos por licencias e a quinta en patentes solicitadas- ou a inauguración de diversos edificios docentes foron algúns dos aspectos que o reitor destacou na súa intervención.
Xestión do ValedorNa mesma sesión claustral desenvolvida en Bioloxía, o valedor da Comunidade Universitaria, Florencio Arce, presentou os informes da xestión realizada entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2008.
Cumprir o establecido na programación docente das materias, especialmente no que fai referencia á homoxeneidade dos grupos, a esixencia de traballos e os criterios de avaliación; garantir que os estudantes reciban a mesma calidade docente nos planos a extinguir ata setembro de 2015 e mellorar os procedementos e plan docente da Escola Infantil Breogán son algunhas das recomendacións que se reflicten no informe.
Ademais, o Valedor fai unha chamada á comunidade universitaria para implicarse na mellora das condicións dos membros dedicados á realización de traballos de investigación sen ter unha relación estable.
No informe consta que foron 72 as queixas presentadas no curso 06-07 e dez menos no curso seguinte, pertencendo o 80% ao estudantado. Segundo os datos facilitados pola oficina do valedor, máis da metade das queixas tramitáronse no primeiro mes.
No que se refire ao aspecto formal, a consulta persoal segue sendo a forma máis frecuente en que a comunidade universitaria, principalmente os estudantes, se dirixen ao Valedor. A maioría destas consultas teñen como obxecto recadar información sobre os dereitos, en especial relacionados coa docencia, e do procedemento que teñen que seguir para reclamar o respecto dos mesmos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2009.