Ir o contido principal

Un equipo interdisciplinario desenvolve un sistema de detección de COVID rápido e barato co proxecto NANOFLUIDETEC

Imaxe dun chip de fluorescencia
Imaxe dun chip de fluorescencia
O programa de I+D+i, promovido polos laboratorios AMSLab e AMSbiopharma, investigadores do Campus de Lugo e a biotech BFlow, está apoiado por GAIN e traballa nun dispositivo automatizable de baixo custe baseado en técnicas moleculares PCR, nanotecnoloxía e microfluídica
Lugo

Un equipo de investigadores do Campus de Lugo coordinado por Wajih Al-Soufi, da unidade especializada en Fluorescencia de Moléculas Individuais da USC, e do que tamén forman parte Mercedes Novo, Miguel Ángel González e Enrique Comesaña, profesores na Facultade de Ciencias e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC que son especialistas no desenvolvemento de sensores e dispositivos e integra sondas moleculares, detección óptica, electrónica, impresión 3D e software de control, traballan no desenvolvemento dun sistema de detección de SARS-Cov-2 baseado en PCR, rápido e de baixo custe, ao abeiro do proxecto NANOFLUIDETEC.

Esta liña de I+D+I impulsada por un consorcio liderado por AMSlab e no que participan tamén laboratorio lugués AMSbiopharma e a biotech  BFlow, con sede en Santiago, conta con apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para investigar na implementación de probas rápidas que contribúan ao cribado de posibles infeccións e que se poidan aplicar como probas de diagnóstico no punto de atención (POCT, Point-of-Care Testing).

O proxecto ‘Detección rápida e automatizable para SARS-Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía e microfluídica’ (NANOFLUIDETEC) nace co obxecto de acadar un sistema de detección do virus que provoca a enfermidade COVID-19, baseado en técnicas moleculares e integrando a nanotecnoloxía e microfluídica coa automatización e potencial conectividade para a súa comunicación. O consorcio persegue un dispositivo eficaz, compatible con métodos de diagnóstico de baixo custo e flexible para aumentar a capacidade de resposta diagnóstica en futuras pandemias ou enfermidades comúns.

NANOFLUIDETEC busca así mellorar os actuais sistemas de detección baseados en PCR, tanto en rapidez, como en fiabilidade e complexidade técnica. O dispositivo final estaría pensado para o seu uso en centros de atención primaria, asistenciais ou residencias, nos que este tipo de probas de diagnóstico ofrecerían a posibilidade de obter os resultados en apenas uns minutos e sen necesidade de enviar a mostra a ningún laboratorio.

A tecnoloxía que se baralla empregar neste novo dispositivo de diagnóstico é semellante á dos sistemas domésticos que xa empregan os diabéticos nos seus domicilios para controlar a glicosa ou a dos aparellos que se utilizan as persoas medicadas con Sintrom para medir o índice de coagulación do sangue, sen necesidade de extracción en vea.

Experiencias previas

O proxecto NANOFLUIDETEC baséase pois no aproveitamento de experiencias previas e de desenvolvementos anteriores e actuais dos integrantes deste consorcio que resultan axeitados para obter un dispositivo que permita a detección do material xenético do SARS-CoV-2 en individuos sospeitosos de COVID-19, a través dun mecanismo sinxelo e eficaz que miniaturice, automatice e simplifique o actual proceso de extracción do virus. Para acadar este obxectivo NANOFLUIDETEC integra a especialistas de áreas diversas que abranguen desde a xenética, nanotecnoloxía, microelectrónica, fotónica, biotecnoloxía, fabricación e procesamento avanzado, ata o seu tratamento e operatividade a través das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Os investigadores da USC implicados neste novo proxecto de GAIN achegan a este liña de traballo os coñecementos e as experiencias xa adquiridas en XuvenCiencia para o desenvolvemento do dispositivo Fotometrix, un fotómetro móbil de baixo custe apto para medir a cantidade de proteínas en líquidos biolóxicos que emprega o alumnado tanto nas actividades de innovación docente de XuvenCiencia como en prácticas de Veterinaria, Bioquímica ou mesmo Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais.

Os profesores na Facultade de Ciencias Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo, do grupo de investigación Química Biofísica, Fotofísica e Espectroscopia da USC, achegan ao proxecto NANOFLUIDETEC os seus coñecementos e experiencia no campo da espectroscopia, mentres que Miguel Ángel González García, investigador do grupo BioMoDem e responsable do Laboratorio de Electrotecnia e Automatización da EPSE, e Enrique Comesaña, compoñente do grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Electrónica e Computación da USC, ocuparanse da automatización e da electrónica.

Este equipo multidisciplinar da USC colabora desde 2015 no desenvolvemento dos kits de experimentación do grupo XuvenCiencia e participou en tres proxectos da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), no marco dos que se deseñaron dispositivos de baixo custe que integran sensores para a detección de variables medioambientais e a detección óptica de sondas moleculares e microcontroladores para a monitorización e lectura dos datos experimentais.

Conecta COVID

O proxecto NANOFLUIDETEC está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con cargo aos Fondos FEDER e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. A actuación está financiada a través do programa CONECTA COVID 2021 no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2022.