Un equipo internacional de investigadores liderado pola USC estudou o papel dos servizos ecosistémicos culturais no medio mariño e costeiro
Os servizos ecosistémicos culturais reflicten as interaccións físicas e cognitivas das persoas coa natureza, desempeñando un papel cada vez máis relevante na procura de beneficios non materiais ás comunidades costeiras. Mentres os servizos e beneficios dos océanos proporcionan unha fonte de alimento para o consumo humano fundamental que vén sendo estudada desde hai décadas pola comunidade científica, o papel dos servizos culturais mariños e costeiros (SEC) permaneceu, ata agora, escasamente analizado.
Perante esta eiva científica, os membros do Grupo de Investigación AEMI e do Working Group of Resilience and Marine Ecosystem Services, o estudante de doutoramento da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e investigador do Campus do Mar Joao García-Rodrigues e o profesor da USC Sebastian Villasante, estudaron o estado do coñecemento dos SEC para identificar os baleiros e exploraron as prioridades de investigación e da axenda dos gobernos. O traballo científico, no que interveu un grupo multidisciplinar de especialistas en servizos ecosistémicos de diversos países (Alemaña, Arxentina, Canadá, Noruega e USA, entre outros) foi publicado recentemente na revisa de acceso aberto Open Ecosystem.
Os resultados da investigación indican que o estado de coñecemento dos SEC é escaso comparado con outros tipos de servizos ecosistémicos, e as poucas investigacións sobre a cuestión localízanse sobre todo en Europa e o Norte América. “Este sesgo pode infravalorar as interaccións socio-ecolóxicas existentes noutras latitudes que estean a desenvolver mecanismos de salvagarda das prácticas culturais e a xestión do medio mariño-costeiro”, advirten os investigadores.
Ademais, os investigadores constataron que a meirande parte dos estudos sobre SEC carecen de avaliacións cuantitativas e cualitativas, “de aí a necesidade de desenvolver métodoloxías e indicadores cos que poder valorar a súa importancia para a sociedade”. Outros baleiros refírense á ausencia de avaliacións integradas, o vínculo dos SEC co benestar das persoas nas zonas costeiras, o papel do mar aberto e as augas profundas na provisión do SEC ou o rol do capital non natural na co produción de SEC.
“Abordar de forma satisfactoria eses baleiros permitirá coñecer con maior precisión as interaccións entre os seres humanos e os ecosistemas mariños, coa perspectiva de que os SEC sexan incluídos no deseño das políticas públicas dos gobernos”, conclúen.