Un equipo internacional realiza traballos de identificación de virxes esculpidas en Pedra de Ançã nas igrexas de Trás-os-Montes

A Pedra de Ançã extráese no municipio portugués de Cantanhede. Esta pedra ten sido moi utilizada en esculturas relixiosas católicas, especialmente virxes. De feito, as esculturas na Pedra de Ançã espalláronse por todo o territorio portugués, chegando ás rexións máis distantes. A calidade escultórica desta pedra motivou que moitas freguesías adquiriran esculturas esculpidas con ela. De feito, a Pedra de Ançã é unha pedra patrimonial fortemente ligada ás tradicións e identidade da poboación.
Ezequiel Vázquez Fernández, responsable da Unidade de IR-Raman da USC e Pablo Barreiro Castro, investigador da UVigo traballan na identificación de virxes esculpidas en Pedra de Ançã xunto a David Martín Freire-Lista da UTAD e investigador do Centro de Geociências da Universidade de Coimbra. Un dos obxectivos deste traballo é a identificación de esculturas en Pedra de Ançã no distrito de Vila Real (Portugal). As técnicas utilizadas son microscopía de petrografía de fluorescencia, fluorescencia de raios X e espectroscopía Raman. Esta caracterización incide sobre a conservación de esculturas en Pedra de Ançã.
As esculturas identificadas e estudadas foron Santa Maria Maior, localizada na igrexa de Alijó; Santa Maria da Ribeira, situada en Lampaça (Valpaços); Santa Maria a Maior, localizada en Chaves; Santa Maria de Covas do Barroso de Covas do Barroso; Nossa Senhora das Neves, situada en Vilarinho de Freires (Peso da Régua), e Nossa Senhora da Lapa do Santuário de Nossa Senhora da Lapa (Quintela).
Este traballo está a ser financiado con fondos nacionais a través da FCT - Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía, I.P. (PORTUGAL) no ámbito do proxecto UIDB/00073/2020 da unidade de I&D Centro de Geociências (CGEO) e Estímulo ao Emprego Científico, Apoio Individual CEECIND/03568/2017. Os científicos internacionais son beneficiarios do programa IACOBUS e Erasmus+. Ademais, o microscopio Raman portátil con láser de 1064 nm que foi empregado na realización de parte destes traballos foi adquirido pola USC con fondos obtidos a través do convenio de colaboración asinado entre a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a USC para o Desenvolvemento de Accións Estratéxicas de I+D+i en 2022. Este equipamento científico singular, o cal está depositado na Unidade de Espectroscopía IR-Raman da Área de Infraestruturas de Investigación da USC, está a disposición da comunidade científica para a realización de estudos arqueolóxicos in situ, caracterización de mostras (minerais, pigmentos e outros materiais artísticos) e fósiles, análise de contaminantes en patrimonio cultural e calquera outro tipo de traballo de investigación relacionado.