Ir o contido principal

Un equipo de investigadores logra describir a evolución dos asentamentos humanos en España entre 1900 e 2020

Distribución dos asentamentos en 2020
Distribución dos asentamentos en 2020
Os resultados do estudo no que participan José Antonio Aldrey Vázquez e Manuel Borobio Sanchiz da USC xunto con persoal das universidades de Colorado Boulder e de Southern California, así como da Fundación para a Investigación do Clima, poderían servir para modelar a influencia do crecemento urbano no cambio climático
Santiago de Compostela

Un equipo integrado por investigadores da USC, da Fundación para a Investigación do Clima, así como das universidades de Colorado Boulder e de Southern California, acaban de procesar as pegadas de doce millóns de construcións para describir a evolución dos asentamentos humanos en España entre os anos 1900 e 2020. Así, entre as conclusións que achega o artigo ‘HISDAC-ES: historical settlement data compilation for Spain (1900–2020)’, publicado na revista Earth System Science Data, evidénciase que a cota de superficie construída en Madrid evolucionou do 1,6% en 1900 ao 6,5 en 2020, mentres que no caso de Castela e León a porcentaxe diminuíu, pasando do 21% ao 11%. O resultados obtidos poderían servir para modelar a influencia do crecemento urbano no clima.

As medicións multitemporais que cuantifican os cambios na superficie da Terra son fundamentais para comprender moitos procesos naturais, antropoxénicos e sociais, tal e como explican dende o equipo do que forman parte os investigadores da USC, José Antonio Aldrey Vázquez e Manuel Borobio Sanchiz. “Para cuantificar e comprender mellor os devanditos procesos, requírense fontes histórico-xeoespaciais como é o caso dos datos catastrais con datos relativos á propiedade, uso do edificio e ano de construción”, explican.

Tomando esa información como punto de partida, o equipo desenvolveu unha técnica innovadora que permitiu crear as primeiras superficies cuadriculadas de desenvolvemento de asentamentos históricos de España de 100 por 100 metros que amosan a densidade de edificación, a intensidade edificada e o uso do solo edificado. Ademais dos investigadores Aldrey e Borobio, integran o equipo investigador Dominic Royé, Johannes Uhl, Stefan Leyk e Keith Burghardt.

Metodoloxía

En concreto, xerouse un conxunto de superficies cuadriculadas de gran fino que describen as dimensións físicas, funcionais e temporais da contorna construída en España. Estas superficies abarcan, por exemplo, a área de construción, o número de unidades de vivenda, o tipo de uso de chan predominante e as estatísticas de antigüidade da construción cunha resolución espacial fina de 100 m × 100 m. Ademais, utilizaron a información sobre a idade dos edificios dispoñible nestas bases de datos de edificios para estimar e mapear as densidades históricas das construcións e o terreo edificado dende 1900 ata 2020. Os resultados avaliáronse con respecto a unha variedade de fontes de datos, incluídos datos de asentamentos humanos e datos de cobertura do chan obtidos mediante sensores remotos, representacións históricas do uso da terra baseadas en modelos e mapas históricos, así como imaxes aéreas históricas. Entre todas elas atoparon altos niveis de acordo.

Como sinala José Antonio Aldrey, os resultados “mostraron claramente dous sistemas de poboamento distintos en España, cada vez máis diluídos, asociados á súa evolución histórica e climática”. No noroeste e a área cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, norte de Navarra e parte de Cataluña) produciuse unha tradicional dispersión da poboación rural en casas illadas e/ou pequenos asentamentos asociados a un clima atlántico, con agricultura e gandaría intensiva favorecida pola presenza de abundante auga. En cambio, o resto do territorio, de clima mediterráneo, experimentou asentamentos concentrados asociados a cultivos de cereais, viña e oliveira, así como a unha gandaría extensiva.

Posibles aplicacións

“Estes conxuntos de datos representan unha imaxe única, baseada en evidencia, do desenvolvemento histórico, durante períodos de tempo moito máis longos que os datos xeográficos modernos recompilados a partir de imaxes satelitais, que só están dispoñibles para as últimas décadas, dende 1970 en diante”, explican dende o equipo investigador. Con todo, persisten algunhas incertezas: por exemplo, non se teñen en conta os edificios que existiron no pasado e foron demolidos e/ou reconstruídos. “Existen numerosas e prometedoras aplicacións desta investigación. Un exemplo do uso que se lle pode dar a estas superficies cuadriculadas é o feito de modelar a influencia do crecemento urbano no clima”, explican. Outras aplicacións do novo conxunto de datos son os estudos de exposición da contorna construída a perigos naturais, as interaccións entre os espazos construídos e o medio ambiente, así como a vulnerabilidade da infraestrutura construída.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2023.