Ir o contido principal

Un equipo da USC gaña a final española do Global Management Challenge

De esquerda a dereita, Álvaro Silva, Carlos Estévez e Laura González conforman o equipo da USC en Macau
De esquerda a dereita, Álvaro Silva, Carlos Estévez e Laura González conforman o equipo da USC en Macau
Atópase en Macau para participar nunha fase final na que se enfrontarán equipos de 30 países

Un equipo da USC integrado por Laura González, Carlos Estévez e Estefany Cuadros, de Administración e Dirección de Empresas; Álvaro Silva, do Máster en Enxeñaría de Procesos Químicos e Ambientais; e Iago Quiñones, de Enxeñaría Informática, proclamouse vencedor da fase nacional do Global Management Challenge, a maior competición sobre estratexia e xestión do mundo. Tres dos integrantes do equipo da Universidade compostelá, concretamente Laura González, Carlos Estévez e Alvaro Silva xa se atopan en Macau (China) onde se desenvolverá fase internacional da competición. Dirixido a estudantes universitarios interesados en completar a súa formación mediante un xogo de simulación empresarial en liña, o Global Management Challenge é unha competición creada en 1980 enfocada a fomentar o espírito emprendedor, o desenvolvemento persoal e profesional dos participantes, potenciando as súas habilidades, capacidades, actitudes, aptitude, coñecementos e experiencia no ámbito da xestión empresarial.

Presente en 30 países arredor do mundo, ten unha fase nacional e outra internacional na que compiten os gañadores de cada país. Na fase nacional, o equipo compostelán competiu con 40 equipos de universidades e escolas de negocios españolas. Nesta fase internacional, o representantes da USC contan co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e da Cátedra Bancaja de Mocidade Emprendedora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2011.